Non me gusta moito o fútbol. E os que non somos seareiros deste deporte acabamos saturados. Porque antes había fútbol o domingo, pero agora... a diario! Pois, cousas da vida, ás miñas dúas nenas encántalles. Son rapazas tranquilas, sensibles e curiosas. Gústalles ir ao campo, ver o xogo en directo. Preguntan, comentan e observan non só os deportistas, tamén o público.
Están asustadas estes días. Viron como os grandes rivais de Madrid disputaron un partido accidentado, houbo que deter o encontro. Presenciaron a actitude agresiva do momento e tamén a tensión mantida logo da xornada, con declaracións de técnicos e comentaristas que, lonxe de tranquilizalas, lles creaban dúbidas.
Seguían coa mosca detrás da orella cando os ultras dun equipo belga tomaron Donostia. «Iso é unha película?», preguntou a máis pequena. Oxalá fose ficción, si, pero era a realidade. Aínda lles quedaba ver como uns afeccionados lanzaban unha botella a un árbitro, e tamén a un neno que estaba na grada.
O Dépor xoga na casa e, aínda que o tempo non acompaña, prepáranse para ir. Pola noite houbo altercados ao carón do estadio. Non queremos que pensen que o fútbol é perigoso, pero dubidamos se son bos tempos para a cativada. Un deporte que move tantos cartos e tanta xente, tamén ten que ser responsable coa imaxe e o exemplo que dá. As peñas, os técnicos, os directivos, os xogadores e os afeccionados, a nivel individual, tamén teñen un compromiso social. Entre todos hai que reconducir o fútbol cara ao deporte.