Non me gusta nada a mala sona dos lobos nos contos. Por sorte, as novas publicacións están dándolle a volta ao asunto. Tampouco me gustaba que, como era costume, aos nenos pequenos os atemorizasen co lobo. Paréceme un animal precioso, que foi moi castigado.
Xa que as correntes literarias mudaron, adaptándose aos tempos, non debera ser moi difícil para outros ámbitos facer o mesmo.
O asunto do lobo é complexo. Hai moitas zonas onde está en perigo de extinción, pero tamén hai lugares nos que os que crean o perigo son eles. Hai uns días mataron un poldro en Moeche. Feriron tamén á nai. O preocupante non é que un animal salvaxe queira alimentarse, é que o faga ao pé das casas da veciñanza. Hai pitas, cans e coellos indefensos. E rapazada!
En Galicia somos moito de minifundio, de variantes dialectais en minizonas, de localismos. Non sería de estrañar que o problema do lobo fose diferente, e ata contrario, a uns ferrados de distancia. Unha lei xeral, xenérica, quizais non sexa a mellor solución. Habería que estudar os microcosmos do noso hábitat. Porque o lobo pode precisar protección do mesmo xeito que haxa veciños que deban gardarse deste animal salvaxe. Porque non o esquezamos, esa é a cuestión. Non estamos vestindo o lobo de demo, simplemente tendo en conta a súa natureza.
Necesita comer. Se no monte non atopa alimento, terá que buscalo onde sexa necesario. O que hai que previr, neste caso, é que prexudique. As administracións deben velar polos animais e tamén polas persoas.