No Concilio de Basilea, convocado polo papa Martiño V en 1431, o protocolo enfrontou os embaixadores de Castela e Inglaterra, que se vían con dereito a ocupar o mesmo lugar preferente. Houbo debate público e Alonso de Cartagena, xudeu converso e deán de Compostela, defendeu a preeminencia do rei de Castela sobre o inglés, entre outras razóns, por selo de tres nacións con cadansúa linguaxe: Castela, Biscaia e Galicia. A variedade de linguas nun mesmo reino presentounas o deán como riqueza cultural e así a entenderon os presentes. Debeu de ser a última vez que funcionou o argumento porque en 1480, obrigados pola lei, os escribáns galegos deixaron de redactar documentos na lingua que sempre escribiran.
Pero o pobo non deixou de falala e falouna cando os Borbóns, Primo de Rivera e o franquismo fixeron canto puideron para que quedase como «idioma en que garulan os paxaros». E agora, cando ninguén a persegue, cando ningún perigo exterior a axexa, por primeira vez na historia o número de galegofalantes é inferior ao dos que se expresan en castelán porque a mocidade non a quere. O doado é responsabilizar a política educativa da Xunta, claro, e pode que algo lle corresponda; pero eu coido que a causa está no cambio de sensibilidade na sociedade galega. En 1973, cando Xesús Alonso Montero nos alertou co seu Informe dramático de que o idioma galego corría perigo de desaparecer, gran parte dos galegos demócratas estabamos empeñados en salvalo. A normalización lingüística era unha arela e unha meta para moita xente de pensamento liberal, de esquerdas, dereitas e centro; e víase na actividade dos intelectuais e artistas, no labor das asociacións culturais, de veciños e —importantísimo— na docencia e nos retallos da Igrexa galeguista.
O moito que pode obter dos alumnos un bo docente sóubeno nos anos oitenta as veces que falei no instituto de Porriño, invitado por Xesús Ferro Ruibal, o profesor de latín. Experiencias igualmente gratificantes tívenas despois, durante décadas, noutros colexios e con outros ensinantes. Non sei se quedan docentes como aqueles, pero as miñas experiencias recentes non poden ser máis negativas. Os alumnos que tratei nin saben nin queren saber de galego nin de letras galegas. E por non entender, nin o humor de Castelao entenden.
Quen, sen dúbida, non tivo continuidade foi a «cregallada» galeguista de Encrucillada e Irimia. Os Manuel Espiña, Chao Rego, Bernardo Cendán, a monxa Engracia, o padre Isorna… Quédannos Xaquín de Roca, en Narón, para recordarnos que Deus fala galego; Andrés Torres Queiruga, mergullado na alta teoloxía, e pouco máis. Un ermo.
«A necesidade de falar galego non se sinte no bandullo», advertira Castelao. Daquela sabiámolo moitos. Case todos.