Puntas afiadas

Pedro Puy
Pedro Puy DEPUTADO DO PP NO CONGRESO

OPINIÓN

J.J.Guillen | EFE

20 oct 2024 . Actualizado a las 12:16 h.

Nas mesas do Congreso non hai bolígrafos. Hai lapis. Uns lapis de fabricación española, mina dura e punta afiada. Un pregúntase quen afiará os lapis do Congreso. Porque sempre aparecen ben afiados, sesión tras sesión, coa punta inquebrantable mesmo se un pasa o tempo tomando notas ou, como facía un ministro hai anos, pintando caricaturas dos seus compañeiros de sesión.

No Parlamento británico non hai, como nos continentais, tal cousa coma un regulamento. Hai un libro, o Erskine May, subtitulado Tratado sobre as normas, privilexios, procedementos e usos do Parlamento, escrito por Thomas Erskine May, oficial maior da Cámara entre 1871 e 1886, que vai hoxe pola súa vixésimo quinta edición (de 2019), e que conserva o nome do seu primeiro autor. No Erskine May afírmase: «A templanza e a moderación son as características da linguaxe parlamentaria». E especifícase que o «bo gusto» forma parte das nocións templaza e moderación. Non é certo, como ás veces se pensa, que haxa expresións ou palabras que estean expresamente prohibidas na Casa dos Comúns británica, xa que desde 1983 entendeuse que cada palabra, cada expresión, debe ser valorada no seu contexto discursivo.

No Erskine May enuméranse os límites xenéricos que deben ser respectados, e póñense algúns exemplos do que se considera linguaxe impropia da sé representativa. Os principais límites son, primeiro, imputar «hipocrisía» ou falsas motivacións. Segundo, terxiversar as palabras doutro membro da Cámara. Terceiro, acusar de mentir deliberadamente (acusar de confundir, se non é de xeito intencionado, non se considera oposto aos usos parlamentarios). E cuarto, insultar. En todos estes casos, o presidente ou speaker actúa para impedilo. Respecto das referencias a outros deputados ou deputadas, o parágrafo 21.25 especifica que, para evitar a personalización dos debates, o único que se pode dirixir polo seu nome a outro membro do Parlamento é o presidente, e as alusións entre eles serán referíndose ao «honorable cabaleiro ou dona electo por (o distrito correspondente)». O parágrafo 21.19 establece que nos debates non se poderá falar de ningún asunto que estea pendente de sentenza xudicial, tanto na xurisdición penal como na civil, salvo que sexa nun debate lexislativo sobre esa materia e a xuízo do speaker proceda facer referencia ao caso xudicializado en cuestión. E con respecto ás alusións á xefatura do Estado, o parágrafo 21.22 indica que a linguaxe pouco respectuosa coa raíña ou o rei non só conlevará unha chamada á orde, senón a expulsión da sesión baixo custodia do Sarxento Maior, aínda que hoxe, a diferenza do que acontecía nun pasado máis lonxano, non son conducidos á Torre de Londres.

Os británicos son xente distinta. Circulan pola esquerda, inventaron o gin-tonic para sortear o paludismo, e contan coa institución parlamentaria máis lonxeva e respectada do mundo, con discursos templados e moderados. No Congreso non só se lle saca punta aos lapis. Tamén os discursos son de fabricación española, mina dura e punta afiada. Nunha sociedade que moitos pensamos que pide, como na linguaxe parlamentaria británica, templanza e moderación.