Os datos de coñecemento e uso do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística indican de novo a baixada progresiva no seu uso, acelerada nos últimos anos. Non por previsíbeis son menos arrepiantes.
Mentres o desuso e descoñecemento chega a niveis inéditos na historia de Galiza, a Xunta responsabiliza as familias e ao 5 % dos inmigrantes e afirma que cómpre facer maior esforzo (!). No entanto, non atinxe ao Goberno galego determinar o que fagan as familias no espazo privado, senón el propio coa política, no espazo público, para asegurar a oferta e presenza de galego en todos os ámbitos e para todos os usos. Para que quen fala galego non teña que renunciar a o facer e quen non o fai poida comezar a facelo. Esa si é a súa responsabilidade. Ula?
O 38 % de familias falantes de galego, e as moitas outras que o serían se tivesen acceso, só o teñen en 0,9 % da oferta audiovisual ou 0,6 % dos xoguetes. Son só dous exemplos de expulsión e exclusión da lingua galega en Galiza, fortalecida e reafirmada pola propia Xunta cos límites e prohibicións de galego no ensino. Iso si é responsabilidade do Goberno.
Son graves as dificultades para encontralo e, por tanto, para usalo con certa normalidade, na saúde, Administración, servizos comerciais, procedementos xudiciais... onde, de novo, a oferta nin chega ao 1 %. A quen queira galego aplícaselle o «bilingüismo» para llo negar. A poboación galegofalante non ten dereito a non ser coaccionada para mudar de lingua? Máis de 1.000 persoas denunciaron vulneracións do seu dereito ao uso do galego no 2023. Esta é a libre elección que a Xunta di defender.
Reverter o estado do galego é posíbel. A nosa lingua non desaparecerá mentres haxa na sociedade quen a defenda. Cómpre política para mudar o rumbo, comezando por garantir que quen queira vivir en galego poda facelo sabendo que conta co amparo da lei e das institucións, un dos vixentes mais eliminados obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, con medidas concretas en todos e cada un dos ámbitos da vida social, mais incumprido e desprezado. Despois de 20 anos só falta marcar día, hora e medios para comezar a aplicalo.