É un refrán español que a min me gusta porque é optimista, abre a posibilidade de relacionarse mediante a palabra con persoas que poden ter ideas opostas ás nosas, pero coas que podemos establecer unha relación positiva, de entendemento mutuo. Isto é así cando nos referimos a cidadáns alleos á política. Os políticos, sobre todo agora, non falan: dedícanse a botarse en cara todo o que fixeron mal, e cando acaban co de «e ti máis» pasan directamente ao insulto e a querelarse un contra o outro, reiteradamente, de tal forma que as querelas se enredan como as cereixas no cesto e xa unha non sabe de que están a falar.
Eu adoito almorzar vendo as noticias de La 1 de TVE; primeiro tomo un prato de froita picada e despois unha cunca de cereais, así que paso un bo intre vendo como se encerellan e insultan os políticos. Asegúrolles que é un espectáculo lamentable no que o único que queda claro é que a esa xente non lle importa nada o benestar da cidadanía, só os moven intereses partidistas e esnaquizar ao rival político, que se considera un inimigo.
Uns din que quen manda no PP é Díaz Ayuso e que Núñez Feijoo só sabe lanzar lodo, quizais queren dicir que o enturba todo ou que se enzoufa na lama, o caso é que insisten niso do lodo. Pola súa banda, Núñez Feijoo di de Pedro Sánchez que é o capo, o número 1 dunha banda de fascistas... En fin. Eu quero seguir crendo que falando a xente se entende, pero, visto o visto, cada vez cústame máis crelo.