Non as hai, non existen, son unha entelequia, un soño imposible. Todas defenden os intereses dos seus propietarios, ou do goberno de quenda se se trata dunha cadea pública, como é RTVE. Cando cambia un goberno, cambian os locutores e directores de programas da cadea, que, en teoría, debe dedicarse a informar a cidadanía do que sucede no país e no resto do mundo. En realidade, ao que se dedican é a defender o Goberno e atacar a oposición. E fano coma se os oíntes ou televidentes fósemos idiotas e non nos decatásemos da súa absoluta falta de imparcialidade. Adoitan levar un invitado, un especialista en temas xurídicos, que se encarga de reforzar os argumentos que están a utilizar. Ás veces, convidan a alguén que discrepa deses argumentos para dar unha impresión de imparcialidade, pero de feito a ese invitado apenas lle deixan falar, interrómpeno enseguida con pretextos variados: que teñen que irse á redacción porque hai unha noticia de última hora, que se acabou o tempo ou que chega un novo invitado ao que hai que atender...
Xa lles contei que todos os días vexo a 1 de televisión española mentres almorzo, e coñezo ben como funciona. Por exemplo: o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid non admitiu a trámite a querela por prevaricación presentada polo presidente Sánchez contra o xuíz Peinado, e mesmo reprochou ao presidente que utilice a Avogacía do Estado para os seus intereses particulares. Sobre esta noticia, limitáronse a manifestar que respectan a decisión do alto tribunal, aínda que manifestan a súa desconformidade coa súa decisión.
En fin, dicía Calderón de la Barca que «toda la vida es sueño»... Sigamos, pois, soñando con recibir algunha vez, a través das ondas, unha información veraz e imparcial.