Cidade próspera, cidade infortunada

Xerardo Estévez
xerardo estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Rúa de Santa Catarina, Porto.
Rúa de Santa Catarina, Porto. Denís e. f.

28 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cidades ricas e pobres, felices e infortunadas, no hemisferio norte e no hemisferio sur, con democracia e sen ela, desenvolvidas e en vías de desenvolvemento, grandes e medianas… As cidades prósperas teñen centros rutilantes, son paradigmas da arquitectura, con rúas e edificios históricos, modernos e vangardistas, que propician todo tipo de encontros, a creatividade, a liberdade e tamén a competencia desapiadada. É un sumario de alma e negocio que marca o pulso inmobiliario, no que participan tanto fondos voitres como, se cadra, fondos de pensións como o grupo neerlandés que adquiriu a autoestrada AP-9. Pero tamén os propios cidadáns xogan a esa especie de Monopoly, en maior ou menor medida dependendo da posición no rueiro.

As rúas son o parlamento da cidadanía. Transitamos atendendo as nosas ocupacións, entrando e saíndo dos centros comerciais, sanitarios ou de lecer, ou paseamos con vagar entre conversas amables. Á volta de certas esquinas salta á vista a desigualdade nas caixas de cartón onde dormen os sen teito.

Se imos andando máis alá do centro, atravesamos barrios que no seu día eran periferias illadas e, co crecemento das áreas urbanas, fóronse incorporando coa rehabilitación física e social grazas ao traballo comunitario de Administracións e veciños.

Pero unha mesma cidade pode conter dúas cidades. Se nos seguimos afastando, atoparémonos coa «cidade dos outros» onde as rúas se desdebuxan entre vivendas precarias e chabolas nas que moran persoas que veñen traballar ao centro e regresan logo a un contorno desorganizado e cunha vida comunitaria insuficiente. Ante estoutra realidade caben dúas actitudes: a práctica neoliberal que a despreza e fai como se non existira, ou a de non dar por perdida ningunha parte da cidade e traballar pola integración.

O maior infortunio é o daquelas cidades que deixan de selo porque son arrasadas, asoladas. Asistimos a diario a ese insoportable protocolo de bombardeos, poboacións que morren por fame e falta de atención sanitaria, ás que obrigan a desprazarse cara a ningures para volvelas bombardear. Destrúen casas, hospitais e escolas, aniquilan toda vida social e as vítimas civís dese horror son consideradas como efectos colaterais na caza de terroristas, cando son vidas esenciais. Sen elas, as cidades vulneradas quedarán como simple arqueoloxía. En Gaza foméntase un sentimento de odio na mocidade que está a madurar entre semellante atrocidade humanitaria, e que se traducirá nun ánimo de vinganza.