Protexer o galego sen coñecelo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella que a última enquisa sobre o galego do IGE puxo sobre a mesa a fotografía dunha realidade. Ás veces é necesario que nos lembren o que vemos a diario para ser conscientes. O caso é que se está a falar de darlle unha volta ao Plan de Normalización Lingüística de hai 20 anos. Entendo que xa eramos conscientes de que se incumpría de xeito reiterado, pero paréceme ben que se trate de reparar o dano.

Con todo, os datos da devandita enquisa fan pensar nunha emerxencia lingüística, unha necesidade imperiosa. Propoñer un prazo de 15 meses para determinar medidas para a súa mellora paréceme un tempo demasiado extenso. Non digo que haxa que poñerse a traballar mañá, senón hoxe mesmo.

Quixera confiar en que os tempos son chegados, mais no momento de promulgar esta boa disposición de traballar pola lingua coñecíase a consecuencia da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que exime o persoal interino da Xunta de coñecer a lingua galega. Coñecer. Ou sexa, que eu podo ir realizar calquera trámite á Administración e pode que, por dirixirme a el na lingua propia desta comunidade, quede desatendida porque me diga que non me entende. Con todo o seu dereito. E o meu? Queremos defender a lingua pero o persoal da Administración non ten por que coñecela. Soa incongruente, non cren?

Son moi escéptica. Con todo, quero crer no dito de que nunca é tarde demais. Pero como xa saben que a fraseoloxía é así... tamén existe aquel que di: tarde piaches. Veremos como acaba o conto.