Vaian ver Nevenka, a película. Icíar Bollaín narra á perfección o que vivimos e lembramos daquel episodio de hai vinte cinco anos. Mais que a ficción baseada en feitos reais impresionan as escenas públicas e o tratamento xornalístico da época. Lembraba as imaxes televisivas da manifestación de Ponferrada en apoio do alcalde acosador de Nevenka, as barbaridades que cuspían á cámara os seus seareiros e seareiras. O shock foi escoitar informativos e programas da época, a Alfredo Urdaci, a Ana Rosa Quintana, relembrar as palabras do fiscal no xuízo. Moito cambiamos para ben: moito nos fixeron avanzar as mulleres dende entón, a base de feminismo social, protesta feminina e mobilización cidadá. Véxano, seguramente asombraranse.
O asunto da igualdade de xénero, o combate do maltrato e o acoso é transversal, sobarda dereitas e esquerdas, aínda que modulen as ideoloxías. Desde sempre foi interclasista. Hoxe é xeracional, o caso Nevenka marca un cuarto de século de conflitos cada vez máis extensos no motivo e máis intensos nos logros. O avance conquistado polas mulleres é vital, forma parte do vivido, foi cousa das mulleres deste tempo. Histórico. Podemos dicir que é unha moda do tempo, unha tendencia imbatible, aínda que como todo na historia poida ser reversible.
Íñigo Errejón caia ben, gustaba mesmo aos contrarios, por iso a moitos sentáballes mal o personaxe político. Era o último resistente da ruptura política protagonizada polo 11-M: a quebra do bipartidismo, a nova política, a chegada dunha nova xeración a todos os partidos. Alén das aparencias e o constatable, Errejón arrastraba un problema típico das culturas católicas, el chamoulle disociación entre persoa e personaxe. Os vellos explicábano mellor aplicándollo aos curas: fai o que eu digo pero non fagas o que eu fago. Ao cabo, un feixe de mulleres decidiron que o seu comportamento non era aceptable, compasivo, empático, senón agresivo, ofensivo, acosador. Se foi algo máis xa o dirán os xuíces resolvendo as denuncias.
A revolución feminista foi tal! Esta sendo. Estar á altura da aceleración histórica sempre foi difícil. A reacción inventou aquilo de que a revolución sempre devora aos seus fillos, é unha maldade con fundamento: Danton, Robespierre, Saint-Just; Trotsky, Zinoviev, Kamenev. A reacción nunca ten desperdicio, pensalo sempre foi un erro ultraesquerdista. Son a metade —polo menos— do mundo e, como di José Mújica, son aqueles cos que podemos confrontar e acordar en democracia para que esta poida ser tal!
Errejón era dialecticamente notable, un intelectual con fundamento, un político de esquerdas que atendía asuntos novos, como a saúde mental.
Chamoume a atención a súa aparición na vida pública e boteille daquela un ollada á parte da súa tese sobre o movemento campesiño boliviano. Intensa, fundamentada, interesante coma el, pero só discursiva coma el, só atendía á análise do discurso. Na súa caída, Errejón demostrou —e recoñeceu— que o discurso ía por un lado e os actos por outro. Amosou que representando á esquerda máis nova o seu comportamento privado podía ir por detrás de moitos de dereitas. Tempo de apandar e de aprender.