Suicidio político

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

02 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ministerio de Sanidade ten que poñer xa en funcionamento unha liña telefónica de atención aos políticos con conduta suicida porque corremos o risco de quedármonos sen clase política. E que sería de nós sen clase política? Non quero nin pensalo.

Falo, naturalmente, de suicidio político, non de suicidio vital. E refírome aos servidores públicos —ás veces cun porvir esplendoroso— que un día fan algo de consecuencias tan graves que botan pasado, presente e futuro polo retrete, tiran da cadea e baixan a tapa.

A metedura de pata pode ter distintas causas:

Mala estratexia ou erro táctico do político. Nestes casos nada hai que reprocharlles. Apostaron, perderon, morreron políticamente. D.E.P. Pablo Casado, Albert Rivera e Pablo Iglesias son suicidas recentes, protagonistas neste apartado.

Corrupción económica e desenfreo sexual. Aquí os suicidas en potencia son lexión e van do rei emérito —digno continuador da tradición familiar— a Tito Berni, que durante anos se moveu coa gracia dun bailarín de ballet con diñeiro público no puterío; pasando por un Luis Roldán, director da Garda Civil, a quen vimos en 1994 en porrancho e rodeado de prostitutas pagadas con cartos dos fondos reservados.

A última é o acoso do depredador sexual a canta muller atopa no camiño. Unha loucura repetida, un andacio que a memoria garda desde o caso Nevenka en Ponferrada, hai 25 anos, ata hoxe con Errejón.

A razón de tan xeralizado desvarío sexual deuna Robin Williams nunha actuación con público, cando dixo aos varóns presentes: «Sabedes que entre as pernas tedes unha pequena besta, sen memoria e sen conciencia, que non podedes controlar». A xente riu, pero en moitísimos casos é certo. Hai vellos con sexualidade de adolescente que ven cine porno e contan con fachenda que aínda rompen unhas bragas novas. Porque nada importan a idade nin a formación cultural, nin o ideario político nin as crenzas relixiosas. Moitos homes, moitos políticos, razoan coa minga e por iso Tito Berni celebrou nun burdel o Día Internacional contra a Prostitución, e Errejón acosou mulleres minutos despois de afirmar na cámara que «só o si é si», e esixir o máximo rigor con quen non o entende.

É de supoñer que o problema desaparecerá cabo de vinte anos, cando os españois poidan practicar o sextech (sexo tecnolóxico) con bonecos de fermosos corpos de home e de muller, e dotados da intelixencia artificial que lles permita actuar como humanos. O político picha brava aliviará a libido, cada día, cantas veces queira, mesmo a gran distancia dos seus robots. Vale, iso é o futuro; pero hoxe, agora, veña xa ese teléfono da esperanza para os nosos políticos suicidas, señora ministra, por favor.