Con Valencia na cabeza todo o tempo, non hai outra! Penso coma todos no que se puido evitar e no que non. Coma todos, agás os demagogos que neste tempo teñen vara alta cando llelo permitimos os cidadáns. Pensando na enxurrada de auga e lama que afectou a unhas zonas e non a outras da mesma conca fluvial, cun nesgo territorial definido por mor de decisións tomadas —ou non tomadas— no pasado, acabo pensando en impostos e aparcadoiros en altura.
A dina destruíu infraestruturas inmobiliarias, viarias, urbanas, camiños de ferro. As unidades de emerxencias, rescate, atención ás vítimas, os servizos de predición meteorolóxica, os de prevención e aviso de catástrofes, son moi caros pero ben vemos que necesarios resultan. Meteogalicia e a Axencia Galega de Emerxencias valen o que custan, son dous grandes éxitos creados pola autonomía galega que debemos conservar e aínda mellorar.
Na fin do ano, en parlamentos e concellos discútese coma sempre de orzamentos e impostos. Representantes elixidos por nós deciden para nós en que se inviste o diñeiro público e con que impostos se sufragan os gastos. O importante dos impostos é que son necesarios, o desexable é que sexan suficientes para atender as necesidades públicas, o decisivo que teñan unha función redistributiva, que sirvan para nutrir aos que menos teñen dende os que máis teñen. Que cousas graven exactamente os impostos xa depende de como se definan politicamente as prioridades, depende da correlación de forzas que definimos os cidadás.
O terrible das últimas décadas —seguimos na inercia de Margaret Thatcher— é a doutrina de afirmar que os impostos son innecesarios, un roubo, que sempre son excesivos, que é innecesario redistribuír a riqueza producida pois quen non a ten, quen ten necesidades non cubertas, é por culpa súa, pola súa inutilidade. Nunca nas nosas vidas o capitalismo foi tan insolidario e descarnado como agora con Trump ou Milei. Sen impostos non hai comunidade, nin políticas públicas, nin administración eficaz. Tampouco cidadanía que, como sabemos, é solidaria na traxedia... os que menos teñen, pois os que máis teñen tardaron máis en mobilizarse
Pensando nesta traxedia, nas decisións do pasado que desviaron ríos, nas que permitiron construír en zonas de avenidas inundables, non podo esquecer as persoas mortas nos seus autos. A práctica —recomendación, imaxino— era retirar os vehículos dos garaxes soterrados que sempre se inundaban nas riadas. Desta volta todo foi tan extraordinario que o hábito levou á morte a ducias de persoas. Non podo deixar de preguntarme por que, tendo en conta a experiencia de riadas e gotas frías, non se constrúen aparcadoiros en altura e non soterrados. Por que non se modificou alí a práctica construtiva dominante en España. Nova York está chea de aparcadoiros en altura, Estados Unidos en xeral. Na illa de Manhattan pode ter sentido pero en Jacksonville, a cidade norteamericana máis extendida, por que? Nin a racionalidade do mercado, nin a da adaptación ao medio, nin a prevención o explican. Pode que só a inercia. O relevante é que pode facerse. Vai sendo hora de priorizar as necesidades sociais ao lucro.