O noso fillo vai a piano, inglés, pintura e kárate

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

05 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As actividades escolares complementarias son as que teñen lugar dentro do horario oficial, forman parte do currículo e, xa que logo, teñen carácter obrigatorio. As extraescolares, pola contra, celébranse fóra do tempo legal de ensino e son voluntarias. Pertencen ao ámbito da educación non formal e poden servir de complemento á formación que o alumno recibe a nivel institucional. Impártense tamén fóra do centro docente por distintas institucións públicas ou privadas.

Os pais están obsesionados con que os fillos vaian a diversas actividades extraescolares ao longo da semana, para que aprendan moitas cousas. Tamén por razóns de conciliación, co obxectivo de que os nenos estean ocupados mentres eles non están na casa. E cada vez matricúlanos a idades máis temperás, sendo xa frecuente que meniños de catro anos asistan a clases fóra do seu horario escolar. Preténdese que aprendan axiña idiomas, instrumento musical ou baile, deportes, artes marciais, pintura, etcétera. Pero como di o refrán, o que moito abrangue, pouco aperta. Acaban por se aburrir e, co tempo, abandonan actividades que poderían ser moi interesantes para o seu ocio. Por suposto que este tipo de tarefas teñen beneficios, pois ademais das correspondentes aprendizaxes contribúen ao desenvolvemento de habilidades sociais, emocionais e cognitivas. Pero non nos damos conta de que, en exceso, tamén ocasionan grandes prexuízos, pois os fillos, despois dunha xornada escolar que acostuma ser intensa, han volver a someterse a esforzos e tensións que acaban por provocar esgotamento e perda de motivación. É unha mágoa ver a nenos cansos, infelices ou con comportamentos agresivos. Os fillos teñen que ser tamén donos do seu tempo, ter autonomía e, sobre todo, teñen que xogar. Pero non pegados ás pantallas, senón ao aire libre, de ser posible en plena natureza, correndo e brincando. Cantos nenos vemos hoxe en día facendo isto? Con sinceridade, moi poucos. Co xogo os rapaces fan exercicio físico, aprenden a crear vínculos sociais, a resolver conflitos e a ter unha madurez normal.

Conclusión, actividades extraescolares si, pero unha ou dúas á semana e non as que lles peten aos pais, senón aquelas que mellor se adapten ás aptitudes e intereses dos fillos. E unha hora como máximo cada unha delas, co fin de que lles quede tempo para descansar e xogar libremente, no exterior e sen pantallas. Por último, non someter aos meniños de educación infantil a esta sobrecarga horaria. Chega de sobra empezar na etapa de primaria.