Silencio, traxedia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando rememoro os momentos máis tráxicos da miña vida, as imaxes non me enfocan. Se fago esforzo por visualizarme, aparezo chorando. Fágoo a volume moi baixo e nas lembranzas o son desaparece. Só habita o silencio. Secuencias de imaxes con intervalos diferentes de tempo, sempre co ruído branco, esa técnica que enmascara os sons non desexados. Este fenómeno, a nivel persoal, ao tratar imaxes mudas, denominaríao silencio branco.

Non serei a única que o padece. Tamén me ocorre cando algunha catástrofe me impacta aínda sen me afectar en primeira persoa. Coma o fogo de artificio que estourou nas mans de dous nenos na aldea, as rapazas de Alcácer, as últimas horas de Miguel Ángel Blanco, o neno Julen caído nun pozo, o volcán da Palma. Así vivín tamén esta traxedia das inundacións.

Contaba neste mesmo xornal Manuel Fernández Blanco que Valencia estaba sumida no silencio. No lugar do trauma non hai palabras, explicaba. De aí ese estraño silencio que lle transmitía un amigo valenciano.

Eu agora só escoito ruído. Ruído en Paiporta, onde están arrasados. E ruído tamén nas redes sociais. Teño amizades que pasaron a xornada acirrando os ánimos, colgando provocacións políticas, sentados comodamente na súa casa confortable, en pé, a miles de quilómetros. Porque, seica, están indignados. Por iso insultan. Para crear máis crispación, que debe ser o que toca.

E non. Non toca. Toca ser solidarios. Pedir explicacións e responsabilidade é unha cousa. Os insultos non son a vía para logralo.