Paiporta

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Bulos e ladróns teñen en común que se non os pillan en canto aparecen, multiplícanse e fanse cada día máis ousados e perigosos. O pasado martes eran 140 as persoas detidas por roubos, pillaxes e saqueos na Comunidade Valenciana afectada pola dana. O número de bulos nin se sabe, pero foron moitos e de moi distintos estilos porque cada bulo ten o seu público. Que a dana foi causada pola destrución dos embalses que Franco construíra ou un ataque militar de Marrocos ou un desastre artificial provocado para experimentar un misterioso proxecto dos ianquis, son bulos para xente de tragadeiras amplas; pero outros resultan críbeis por calquera, sobre todo se os difunden comunicadores con grandes audiencias.

Pablo Motos lanzou en El Hormiguero o da resposta chulesca de Pedro Sánchez ao Goberno autonómico valenciano: «Si quieren ayuda, que la pidan», e en poucos minutos os teléfonos móbiles reenviaron millóns de mensaxes contra a soberbia e a falta de humanidade do presidente.

O que Pedro Sánchez dixo é xustamente o contrario: «Y quiero reiterar a la ciudadanía en la Comunitat Valenciana y al conjunto de la sociedad española lo que desde el primer momento todos y cada uno de los miembros del comité de crisis del Gobierno de España, y yo personalmente, he trasladado al Govern de la Generalitat de la Comunitat Valenciana y al presidente Mazón. Y es que el Gobierno central está listo para ayudar. Si necesita más recursos, que los pida». Porén, xornalistas que nin pronunciar «código deontolóxico» saben afirmaron que Pedro Sánchez, sen importarlle as vítimas, deixou sen axuda a Mazón para que o PP fracasase; e que Pedro Sánchez está encantado coa riada de Valencia porque así non se fala da corrupción da muller.

Con razón Felipe VI advertiu aos rapaces indignadísimos cos que falou en Paiporta: «No hagáis caso a todo lo que se publica, porque hay mucha intoxicación informativa y mucha gente interesada en esto, para que haya caos».

Foi o único positivo da visita dos reis a Paiporta, na miña opinión innecesaria e inoportuna.

Os reis son boa xente e quixeron estar cos afectados nos momentos de maior dor, pero os veciños de Paiporta non necesitaban as palabras e as bágoas reais, senón medios que os liberasen daquel pesadelo. Se Felipe e Letizia chegasen á fronte dunha comitiva de camións e voluntarios a poboación recibiríaos con vivas e aplausos, e os ultras non ousarían lanzarlles pedras e lama.