Do brillo da cultura ao barranco del Poyo

Xerardo Estévez
Xerardo estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Jaume Plensa, «Materia interior».
Jaume Plensa, «Materia interior». X. Estévez

12 nov 2024 . Actualizado a las 17:55 h.

En cuestión de horas pasamos de admirar o esplendor cultural de Madrid a horrorizarnos ante a desolación de Valencia.

Madrid é o prototipo de cidade negocio, fala no nome dun sistema urbano que se estende ata Toledo ou Segovia, é unha megalópole orgullosa de atraer os máis podentes e de satisfacer as clases con rendas, mentres parece entoar para os demais un «ti vai espelindo».

Culturalmente, Madrid é unha potencia que brilla coa presenza do Estado: Museo do Prado e Reina Sofía, Coleccións Reais, Teatro Real, Auditorio Nacional..., ben acompañados polas excelentes iniciativas do Concello e a comunidade autónoma e as das fundacións privadas que se multiplican, obedecendo unha forza centrípeta, como acontece en todas as grandes capitais. Os rostros absortos de Jaume Plensa na Fundación Telefónica, ou a negrura da exposición Esperpento no Reina Sofía, invítannos a meditar sobre o desastre.

A Valencia capital non chegou a tromba de auga porque o problema se resolveu hai décadas coa desviación do canal do Turia. A furia da dana descargou na serra e confluíu con violencia nos ríos e barrancos. As ribeiras, ocupadas por construcións, coches e vías de comunicación, propiciaron o desbordamento que arrasou tantos concellos que medraran conformando a área metropolitana.

As grandes inundacións suceden periodicamente en todo o mundo, mesmo nos países máis desenvolvidos, pero son cada vez peores por mor do cambio climático que algúns se empeñan aínda en minimizar. Nas inundacións do Vallés en 1962, meu irmán e mais eu estabamos en Molins de Rei; foi unha experiencia inesquecible, con mil mortos.

En Paiporta vimos en directo os reis, o presidente do Goberno e o da Generalitat, recibindo insultos e mesmo agresións físicas como a que sufriu Pedro Sánchez. Felipe de Borbón demostrou ser o noso xefe de Goberno máis ca un monarca. Os problemas de competencias acabarán, seguramente, sendo dirimidos perante os tribunais, pero as flagrantes incompetencias deben ser resoltas de inmediato. Agora é o momento das persoas e a solidariedade.

Superado o desastre, toca reflexionar. A sostibilidade non é a simple suma de proxectos parciais sostibles. Ten que entenderse nun contexto amplo de áreas xeográficas e condicións climatolóxicas, coordinando os plans municipais e os de inundabilidade.

Como colofón dunha semana aciaga, Trump gaña as eleccións co apoio maioritario da poboación estadounidense. Unha conmoción a escala mundial. Esperemos que modere os seus exabruptos e disparates coa acción de goberno.