A terrible dina de Valencia e a vitoria de Donald Trump aconteceron dous martes seguidos. Ambos feitos serven para pensar na posible relación causal entre trunfo da extrema dereita e o grande problema da humanidade neste tempo, o quecemento global.
Cando Trump gañou soubemos exactamente que ía dicir, leva anos dicindo o mesmo, e sabemos moi ben que vai facer e, sobre todo, que non vai facer. A polarización trumpista vén escalando dende o 2016, e medrou no 2021 co asalto ao Capitolio. Nesta campaña todos, tamén os demócratas aínda que sen éxito, puxeron todas as cartas na mesa de xogo. Trump e os seus millonarios excéntricos, futuristas, exclusivistas queren ser máis ricos e exclusivos aínda, pero agora apoiados no voto popular a un presidente propio. Usaron para logralo catro ideas básicas, moi repetidas, que fomentan un medo do que só eles poden salvarnos. Todos imos vivir peor no futuro por culpa de:
1.- Os inmigrantes, que nos rouban o traballo, as propiedades, as mascotas.
2.- Os ecoloxistas e científicos pesimistas, que queren impedir que sigamos extraendo o petróleo que move os nosos autos, as nosas vidas.
3.- As mulleres, os progresistas e os ateos, que queren cambiarnos a forma de vivir.
4.- Os impostos, que zugan a nosa traballada riqueza persoal.
A dina de Valencia, anormal resultado do quecemento global, arrasou extraordinariamente porque a auga co barro desaugou cara a Albufeira e o mar polo camiño de seu, agora atoado polo crecemento urbano e industrial. Sábeno xeógrafos como Jorge Olcina ou Augusto P. Alberti. Tamén a xente que fala as linguas sabe que non se constrúe en torrent, rambla, avenida, barranco e riera. Como sabemos en galego que o equivalente ao castelán arroyo é regueiro, porque aquí a auga non arrasa que máis ben apoza.
Un capitalismo de lucro incesante que se desentende da natureza e só concibe a máxima ganancia ten consecuencias. Nunca tivemos un capitalismo como o que agora propugnan Trump, Milei e os seus excéntricos millonarios. Podemos denominalo sen ambaxes capitalismo da catástrofe. Da que logo se lucran, nunha enxeñosa economía circular, os trampulleiros, os que viven das trampas; os que como Trump logran ser voceiros da América rural decadente e dos traballadores urbanos empobrecidos. Nada novo, a capacidade para facer política de masas foi descuberta polos fascismos no tempo de entreguerras, naquel colectivo estrés postraumático, logo de que a grande guerra sacudira á humanidade con milleiros de mortos, quedas de imperios, a revolución soviética e a masificación de tecnoloxías descoñecidas como a radio e o motor de explosión.
A dereita democrática está perdida se non reacciona como Churchill. A esquerda, terá que recuperar o seu orixinal interese polas maiorías, o de sempre, o que a levou a converter o liberalismo en democracia no século XIX, ocupándose dos que tiñan menos: menos riqueza, menos esperanza de vida, menos formación, menos posibilidades de mellorar na vida; das maiorías que tiñan menos, fronte ás elites que tiñan máis.