
Na noite, ao alzar a cabeza para contemplar o universo, a mandíbula cae mecanicamente nun reflexo de asombro ante a beleza inefable. Miles de millóns de galaxias e estrelas entre as que gravita este pequeno planeta no que unhas partículas mínimas, os seres humanos, contamos con outras tantas células e cun cerebro onde a diario se producen trillóns de conexións neuronais para pensar, amar e odiar. De que outro xeito, relixións aparte, podería ser ou existir esta incomprensible inmensidade que, dende un baleiro absoluto, fundiu o máis grande co máis pequeno?
Cando tendemos a vista sobre o mar, ao solpor, abranguemos un espectáculo sublime. Galicia, considerada xa como refuxio climático, debe fortalecer a protección dos seus espazos litorais fronte ao frenesí construtivo que se aveciña de novo, e asegurar o porvir do mellor atributo da nosa identidade xeográfica.
Mirando as altas crucerías góticas catedral de León, entre a luz bretemosa das vidreiras, suscítase a fascinación pola gloria do pasado. Ante tanta historia e simboloxía, a arquitectura queda reducida a unha cuestión de estilo ou de restauración. Bótase de menos un relato patrimonial que implique os cidadáns no seu coidado.
Logo, ruando polo centro histórico, sentímonos parte dun cúmulo de xente movida por un impulso incontible pola viaxe, un desexo que todas as administracións promoven porque alimenta a economía. É patente a dificultade de poñer límites agora a un fenómeno explosivo cheo de contradicións, que se vía vir.
De volta na casa, o aluvión de desgrazas que amosa a televisión provoca a emoción momentánea, nun reflexo humanitario compasivo. O risco é que, ao facerse habitual, se banalice un humanismo necesario que nos comprometa moral e intelectualmente. Asistimos en directo a un xenocidio insoportable e preguntámonos como pode o goberno sionista, co pretexto do combate lexítimo contra o terrorismo de Hamas, asasinar corenta mil palestinos desbotados como simples efectos colaterais. Eses rapaces que presencian aterrados o exterminio das súas familias buscarán, en canto poidan, a vinganza.
Leo os libros que teño entre mans e levanto a vista para preguntarme onde están a razón e a verdade na barbarie retransmitida a simple vista. Non se divisa resposta. Namentres, hai que desentullar a realidade das capas de non verdade que a ocultan e ampliar espazos de diálogo, centrados, que faciliten o intercambio de ideas mediante un pensamento crítico e positivo, lonxe de posicións dogmáticas, moitas veces froito dunha ignorancia intencionada.