
En ocasións chove en novembro. Por dentro. Crecen os acios acedos da melancolía. Teñen a cor do mel, como follas dun amieiro suntuoso: caendo lentas, arqueadas, melodiosas. Eses días do inicio de calquera novembro levan banda sonora e corazón de madrépora. De Neil Diamond a Credence e Dylan, de Jacques Brel ás lentas de Sabina. As melodías acompañan os timbres agudos e graves, tan graves, da memoria. Recordo os tempos nos que nunca me preguntaba pola felicidade. Aquí comezan os problemas. Porque a xente feliz non se formula demasiados interrogantes. A vida son miles de respostas sen preguntas. Como as caricias. Ou como os abrazos que correron a ningunha parte. E así, mentres escribo, electrízame a alma You're the One That I Want. Travolta e Olivia Newton John bailando e bailándome as entrañas. Grease era un himno do adolescente que nunca fun. Fíxenme maior de súpeto. Como tantos. Hoxe só quero falar daqueles que se fixeron maiores sen esperalo. A noite, o fume de todo o prohibido, os versos escritos na pel morena dun estío, as tatuaxes con tinta e corazón azul, as horas perdidas, as ganadas, as pistas de baile, e Grease sempre Grease, alegre, alegre. Recordar é un modo de non perdérmonos. Eu son o que quería ser. Escritor: un cúmulo de naufraxios. Hoxe todo vale, todo serve, todo é literatura. Só importa contar historias. Aínda que as historias estean narradas con pluma de lata. Os vellos libros, tan desordenados, desordénanme a memoria. Eu só quería escribir para que me amasen, como Márquez. Ou para habitar o deserto, como Gesualdo Bufalino. Ou para defenderme das ofensas da vida, como Pavese. En ocasións chove en novembro. Tamén por dentro. Grease.