![](https://img.lavdg.com/sc/TJY1rMsuM-FdFbv2TCoN4p-XdTU=/480x/2024/11/13/00121731516422111577602/Foto/SOI002H25.jpg)
España vén sendo testemuña dun importante aumento das infeccións de transmisión sexual (ITS), o que supón un serio desafío. A medida que a sociedade avanza cara a unha maior apertura e diversidade nas prácticas sexuais, os riscos asociados ás ITS seguen unha traxectoria ascendente, alcanzando cifras preocupantes. Segundo a Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica, as infeccións como a gonococia, a sífilis e a infección por Chlamydia trachomatis experimentaron un notable incremento.
A información de Renave, relativa ao ano 2023, alerta dun aumento xeneralizado das ITS en España. Así, a infección por Chlamydia trachomatis acadou unha taxa de 78,90 casos por 100.000 habitantes, mentres que a infección gonocócica rexistrou unha incidencia de 71,54 casos por 100.000 e a sífilis chegou ata os 22,62 casos por 100.000.
En termos de evolución, a infección gonocócica, por exemplo, amosa unha tendencia ascendente dende o ano 2000, sendo especialmente preocupante dende 2021, cun aumento do 42,6 %. De xeito semellante, a sífilis, que parecía estar controlada nos anos 90 (probablemente asociada á extensión das medidas de protección fronte ao VIH), tamén cobrou pulo dende principios de século, sendo o aumento da súa incidencia especialmente acusado nos últimos anos: un 24,1 % máis entre 2021 e 2023.
A situación de Galicia segue a mesma tendencia preocupante que o resto do país, se ben a incidencia é inferior á media do Estado. En 2023, a Chlamydia trachomatis experimentou un aumento considerable, cunha taxa de 40,19 casos por 100.000 habitantes, demostrando que esta infección está a converterse nun problema de saúde pública crecente na nosa comunidade. Tamén se rexistraron 944 casos de gonococia, cunha taxa de 34,97 por 100.000 habitantes, e, no caso da sífilis, Galicia informou de 260 casos, cunha taxa de 9,63 por 100.000 habitantes.
Diversos factores explican o aumento das ITS en Galicia e no resto de España. Entre eles destaca o cambio nas condutas sexuais, cunha a menor percepción de risco, o uso inconsistente do preservativo e o aumento nas prácticas sexuais non monógamas. Ademais, as aplicacións de citas e a falta de educación sexual ampla e accesible contribúen a aumentar a vulnerabilidade das poboacións máis novas, que se amosan máis expostas a estas infeccións.
A Renave indica que as ITS afectan de forma desproporcionada a homes, especialmente aqueles que teñen relacións sexuais con outros homes. En Galicia, coma no conxunto do Estado, a franxa de idade máis afectada polas ITS sitúase entre os 20 e os 34 anos, cun impacto particularmente alto nas grandes cidades.
O diagnóstico precoz e o acceso ao tratamento son claves para frear a expansión das ITS. A infección por Chlamydia trachomatis, por exemplo, adoita ser asintomática, o que fai que moitas persoas infectadas non sexan conscientes de estar transmitindo a infección. Cómpre reforzar os programas de cribado e vixilancia en poboacións de risco para detectar as infeccións a tempo.
As autoridades sanitarias insisten na necesidade de aumentar a sensibilización sobre o uso de preservativos, que seguen a ser a mellor ferramenta para previr o contaxio de ITS. Ademais, a educación sexual debería ser reforzada tanto nas escolas como nos espazos públicos, de forma que a poboación máis nova entenda mellor os riscos e as prácticas seguras.
Outro aspecto relevante para abordar o problema das ITS é garantir o acceso equitativo a servizos de saúde sexual e reprodutiva. Moitos casos quedan sen diagnosticar ou tratar debido a barreiras sociais, económicas ou xeográficas.
É necesario mellorar o financiamento das organizacións comunitarias, incrementar a súa participación na formulación de políticas e mellorar a coordinación entre as institución públicas e o terceiro sector. A evolución das ITS en Galicia, aínda tendo unha incidencia inferior á da media do Estado, reflicte unha tendencia preocupante. Non se pode baixar a garda. As autoridades deben intensificar os esforzos para controlar esta crise de saúde pública. Tomemos consciencia ao respecto.