Feijoo e a dana

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu sabía que Alberto Núñez Feijoo ten corazón. Ver os reis e o presidente agredidos en Paiporta revolveulle as tripas e a alma, e o día seguinte anunciou un troco radical na actitude belixerante que viña sostendo, ano tras ano, día tras día, co Goberno Frankenstein. Foi emocionante oílo falar «dun antes e un despois» e velo tender a man a Pedro Sánchez, prometéndolle non criticalo nin entrar no reparto de culpas pola xestión da traxedia. Comprometéndose, ademais —quen podería imaxinalo!— a declarar unilateralmente un armisticio no Congreso, parar o asedio de cada sesión e, o mellor de todo, o máis conmovedor, dándolle garantías de que o Goberno terá os votos do PP para as medidas orientadas á reconstrución de Valencia e á axuda e asistencia dos que perderon todo. Estivo sublime, marabilloso.

Ao president da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, non o coñezo e non sei se ten corazón, pero si que ten cara, e moita. Despois de bater o récord mundial de incompetencia política coa xestión da dana e sabedor de que a dirección do PP renegaba del e pediría ao Goberno central que asumise o mando único para quitalo de diante, defendeuse afirmando que se trataba dun axuste de contas por ter arranxado, contra a vontade de Feijoo, un goberno con Vox despois das autonómicas de 2023. Así que se mostrou agradecidísimo pola solidariedade e o bo facer do Goberno central e, fitando a Pedro Sánchez con ollos tenros —aí está a foto, que non minte—, díxolle: «Insisto: muchas gracias, presidente, por tu cercanía, por tu presencia tan rápida y tan adecuada para todos nosotros. Recibimos este mensaje con mucho cariño».

Porén, días despois, Feijoo volveu vestir o uniforme de campaña para atacar o Goberno de Pedro Sánchez «por dimitir das súas obrigas» e acusar de neglixencia a Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica. «Ela, que tiña todos os datos —dixo—, é a responsable e non Mazón, quen houbo de xestionar a crise sen a debida información da Confederación Hidrográfica do Xúcar, dependente do seu ministerio». Non é certo e hai correos que o demostran, pero este ir e vir de Feijoo como a faba na ola pódenos levar a pensar que se trata dun político bipolar, un doutor Jekyll e míster Hyde dos Peares. Eu non o creo. Eu véxoo como un Prometeo encadeado pola Familia Monster, a que ten o control do PP e segue defendendo a participación de España na guerra de Irak, a que afirma que ETA está máis viva que nunca e teima en culpala dos atentados do 11-M, a que recibe como un heroe a Milei e condecora a Netanyahu… En calquera caso, Feijoo queda mal, moi mal. Tan mal como ao quitar as gafas.