Zapatos falsos

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, ao pouco de ler unha reportaxe deste periódico que falaba do orgullo da xeración Z por ter roupa e calzado falsos e levalos mesmo con orgullo, púxenme a cubrir unha enquisa na que me pedían a opinión sobre o impacto que vai ter no noso oficio a implantación da intelixencia artificial xenerativa (IAX), e se estaría disposto a ceder as miñas obras para adestrar a máquina no caso de que requirisen a miña autorización, algo que debería ser innegociable e non o está a ser, porque a autoría é o primeiro que se disolve neste proceso que, sen dúbida, devalúa a creatividade humana. As preguntas da enquisa están enfocadas na autorización, a transparencia e unha remuneración polo traballo dos creadores. Sobre esta última cuestión pregúntasenos se nos parecería axeitado o que ofrecen algunhas empresas tecnolóxicas con cantidades de 0,001 dólares por palabra ou ben 10 dólares por libro para adestrar a IA. Evidentemente, non sei a resposta do resto de colegas, pero a miña está clara: gustaríame quedar fóra do asunto porque nin tendo moitas obras publicadas, nin tendo millóns de palabras escritas, a cantidade resultante non pasaría de ser algo tan ridículo que mesmo Tolstói non tería nin para mercar uns zapatos falsos. Todo isto, envólvase como se envolva, páguese como se pague, soa a absorción ou a aniquilación da propia creación humana. Vendérmonos por uns cantos dólares é tanto como mercar a nosa desaparición. Comigo que non conten. Porque non teño dúbida de que esa xeración Z, tan dixital, que presume de ter roupa ou calzado falsos, non vai ter ningún problema en ler unha obra xerada pola IAX, aínda que estea inspirada na marca dun escritor chamado Antón Riveiro, que un día se negou a lle dar os zapatos ao monstro que o comeu.