Opérate

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Imaxe de arquivo dun quirófano
Imaxe de arquivo dun quirófano

18 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai múltiples factores que manifestan o paso do tempo. Un moi evidente é o uso de expresións lingüísticas. Xa ninguén vai dar un voltio por aí, non alucinan as veciñas, non dicimos agur a Benhu... nin as cousas saen chachi piruli. Quedaron desfasadas todas. Outras, pola contra, permanecen ao longo das décadas e hai incluso as que, logo dun tempo, volven con forza. A palabra afouteza está vivindo unha época dourada. Logo está o caso das que poden chegar a apañar novos significados.

Houbo un tempo no que, en lugar de dicir «non me marees ou non me rompas a cabeza», a expresión era «opérate». Incluso «opérate do apéndice». Pero co verbo só, era suficiente. Cal foi a miña sorpresa cando lin hai uns días que non é estraño que as familias, como regalo a quen fai 18 anos, ofrezan unha operación estética. Ou sexa, un bono de «opérate» de verdade.

Paréceme terrible. Non só porque se incite á xuventude cara á tiranía do aspecto físico, tamén polos problemas posteriores que poida producir e pola idea que subxace no feito: o estético varre calquera outro valor. O éxito como persoa radica na pinta externa.

A sociedade xa nolo pon complicado. Educar en sacrificio, bondade, esforzo, empatía e solidariedade require de moita fe e forza de vontade. Os froitos poden ser serodios. Retocar o aspecto físico só achega inseguridades, inestabilidades, debilidade emocional... Deforma a esencia do humano.

Sometamos o mundo a un recoñecemento médico. Quizais quede tempo para salvalo.