Cando a riada do 1957 en Valencia, as telecomunicacións reducíanse á telegrafía, á telefonía por fíos, ás ligazóns puntuais por radiotelefonía e á radiodifusión sonora. Neses tempos a televisión era embrionaria, só madrileña. Fronte a iso, acabamos de ver o colapso telecomunicativo que vén de se producir coa dana.
Seica se dixo que, se non funcionaba a telefonía móbil, podería ter funcionado a fixa; mais iso non ocorreu porque nos últimos anos se produciu un grande avance tecnolóxico: a telefonía tradicional, analóxica e baseada en cabos de pares de cobre, dixitalizouse e integrouse cos outros servizos que chegan ao cliente por fibra óptica. Tempo atrás puido funcionar a telefonía fixa, pois as centrais telefónicas aguantaban activas coas súas baterías (nun apagón de luz aínda se falaba por teléfono). Hoxe a voz —como imaxe da televisión e os bits da internet— transmítese en forma de impulsos de luz, que necesitan dunha conversión «opto-electrónica» nos dispositivos terminais para podermos oír e ver. Para facela cómpre que ao router chegue a alimentación eléctrica, pois sen ela non funciona. Habería que pensar nunha volta ao pasado? Non, mais si en engadir baterías de emerxencia aos aparellos inútiles sen «corrente do enchufe».