O fedor da mazá podre

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

GUILLAUME HORCAJUELO | EFE

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non son de pedra. Cada vez me custa máis ver certos programas na televisión, incluso noticiarios. Antóllaseme un exceso de podremia na humanidade. Nada disto é síntoma de debilidade. Estou convencida de que Gisèle Pelicot está devastada e, con todo, é quen de manterse en pé. Vaia lección de dignidade. Que papel tan difícil. Só reconstruírse é unha obra descomunal, pero o peor é facelo entre acusacións. Non perdamos a perspectiva. Ela é a vítima, a violada, a ultraxada. En ningún momento consentiu.

Dubido sobre o que máis me arrepía do asunto. O seu home é un bastardo. Pero... e das ducias de violadores, non houbo un que se apiadase do estado inconsciente no que se atopaba esta muller? A perversión chega ata aí, a someter a unha persoa que non é dona da súa propia vontade? Como pode producir pracer un feito tan depravado?

Son medio cento os homes que, lonxe de denunciar, nin sequera se negaron á aldraxe. Hai algo podre no corazón da sociedade se permitimos estes delitos, se non nos estraña, se nos prestamos a eles. Tamén se a culpamos a ela. Seguro que non se drogaba voluntariamente? Por que non chorou máis? Que a move a conservar o apelido do seu home? Non merece nin a sombra da dúbida. Parécelles pouco todo o que xa sufriu? Por que continúan martirizándoa? Si, estas voces tamén son cómplices. A mazá podre vai camiño de converterse en peste. Xa somos conscientes do fedor.