
A boa arquitectura haina que ir buscar. A Galería das Coleccións Reais, proxectada por Emilio Tuñón e Luis Moreno Mansilla —que este non o vería rematada—, é un bo modelo, que contrasta coa operación desafortunada da estación de Sol.
A arquitectura é de calidade cando a súa construción está ben trabada e debuxada, espazos, estrutura, materiais, instalacións, cando cumpre satisfactoriamente a función para a que foi deseñada ou cando resolve correctamente a implantación no lugar, neste caso a conxunción do límite da cidade histórica de Madrid no balcón que dá sobre o Campo del Moro. Case oculto entre o suntuoso Palacio Real, do italiano Sachetti, e a anquilosada catedral da Almudena, un exemplo de eclecticismo extemporáneo, está o acceso ao novo recinto que medra cara a abaixo adaptándose ao desnivel da topografía. Pero, sobre todo, é boa arquitectura pola súa beleza e simplicidade.
Co propósito de crear un novo foco cultural no contorno da praza de Oriente, empezouse por soterrar a rúa Bailén, non sen oposición, formando así unha especie de alfombra entre o distrito de Ópera, presidido polo Teatro Real, cunha programación sempre diversificada e de calidade, e a plataforma de Palacio.
Arquitectura e museografía danse a man na Galería con elegancia clásica. A súa ambición espacial, que non se ostenta ao exterior, percíbese no vestíbulo que dá paso a un núcleo de comunicación descendente que permite o cómodo acceso por ramplas alternadas con relanzos onde se vai narrando en imaxes o discurso do proxecto. A madeira cálida equilibra a frialdade que poidan ter a pedra e o formigón. A grande altura das salas está pensada para acoller os tapices palacianos, que envolven a magnífica mostra de pintura e artes suntuarias. O manexo das luces natural e artificial contribúe ao esplendor dos tesouros reais. Austrias e Borbóns son ben tratados na súa dimensión de amantes da arte e coleccionistas. Será a República, en 1932, quen defina e regule o Patrimonio Nacional.
A gran ventá arqueolóxica entre as plantas dedicadas ás dúas dinastías ofrece a visión dunha mostra das orixes da «villa y corte», os restos das murallas do século IX. Neste centro non parece haber nada que reprochar en canto á apropiación de bens doutras culturas, ninguén poderá reclamar a descolonización destas riquezas. A Galería pon de manifesto os bos resultados de compaxinar historia, investigación, arqueoloxía e didáctica nun traballo simultáneo máis ca interdisciplinar. A arquitectura de calidade crea cidade e sentimento de cidadanía.