Analoxías

Silvia Pérez Freire
Silvia Pérez Freire DOUTORA EN SOCIOLOXÍA. PROFESORA NA UNIVERSIDADE DE VIGO E NA UNED

OPINIÓN

Sáshenka Gutiérrez | EFE

25 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise da analoxía o que é preto do parecido, da relación entre cousas que se semellan entre si. Nas ciencias sociais empréganse como ferramenta indutiva para dar explicación a situacións e regras de conduta que marcan os roles e as normas sociais. Permiten tamén inferir propiedades ou comportamentos dun caso baseándonos na súa semellanza cun xa coñecido ou teorizado, integrando os seus patróns e relacións lóxicas. Que nos pasa coa prostitución que semella quedar fora de todo sempre? E sobre todo, por que os homes que acceden ao corpo das mulleres por prezo seguen sen ser cuestionados pola sociedade nin polos seus conxéneres? Vexamos algúns dos elementos que se adecúan á prostitución seguindo a pirámide da violencia machista coñecida por todos e todas nós: 1.- A violencia estrutural, que é a da sociedade que establece a iniquidade por razón de sexo e que instaura o que se coñece por patriarcado. A prostitución atópase, sobre todo, institucionalizada, configúrase coa fratría dos homes, co «pacto de silencio» social e grupal (isto estase rachando xa, felizmente) e está estruturado para a satisfacción dos desexos masculinos por riba de casqueira consideración semellante aplicada para as mulleres, claro está.

2.- A violencia económica e psicolóxica: que é o produto da desigualdade de acceso aos recursos, a falta de oportunidades, o seguen as manifestacións de illamento, desprezo e intimidación, minorando toda percepción de estimación por parte das vítimas. Na prostitución existe un continxente de mulleres en situación de vulnerabilidade, como pouco, que son sistematicamente «devaluadas» para que sexan consideradas cidadáns de segunda: primeiro, por elas mesmas e despois, polo resto da sociedade (as duras historias que arrastran as mulleres en situación de prostitución son difíciles de igualar noutro ámbito de violencia).

3.- A violencia sexual e física. A que comprende calquera actividade sexual non desexada nin consentida unida as agresións corporais e mesmo asasinatos. O cuestionamento da prostitución como forma extrema de violencia de xénero, especialmente, a sexual e feminicida é unha mostra máis da súa invisibilización como crime de lesa humanidade e a vulneración dos valores fundacionais das democracias. A discriminación múltiple ou interseccional que se observa nas mulleres en situación de prostitución móstranos como as estruturas de poder e desigualdade actúan de maneira diferenciada. É a concesión sexual mediante prezo a lexitimación dun consentimento viciado? Acaso seguiriamos admitindo dicirlle ás mulleres en situación de violencia na parella: por que aguantas que te mallen? Se te podes separar, que che impide deixalo? Pois isto. é o que estamos a facer coas mulleres noutra situación de extrema violencia machista cando dicimos: Se tes liberdade para decidir, por que te prostitúes? Será que che gusta? Ou mellor, será que só vales para iso? E non será que para rachar cunha situación de violencia a primeira quen ten que crelo é a muller afectada? E se pode ser, que a crean os demais, e que as institucións a apoien, e que a sociedade as recoñeza. Na prostitución non, aí impera o imaxinario do putañeiro que responde a: «Todas son putas, unhas cobran e outras non» e con iso, eles si, establecen analoxías.