Gases chineses

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

JESSICA LEE | EFE

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

China é o principal emisor de gases de efecto invernadoiro no mundo; séguenlle EE.UU. (que emite tres veces menos que os chineses), a India, a Unión Europea e Rusia. De feito, éo con diferenza: é responsable de case un terzo do total desa contaminación no planeta. Por iso, calquera xiro no comportamento de China nese eido é máis que relevante, e parece que podería ocorrer: hai indicios de que podería estar chegando ao seu pico máximo de emisións (algunhas valoracións apuntan a que xa estaría sucedendo dende marzo deste ano), tralo cal empezaría a reducilas. De ser certo, estaríao conseguindo antes do esperado, xa que o seu plan era acadar ese fito en 2030 (a UE lévaas reducindo dende 2008). Sería unha magnífica nova porque, na práctica, implicaría que tamén as emisións totais a nivel mundial empezarían a decrecer, algo que é de imperativa urxencia, porque a contención pactada nos acordos de París quedou en papel mollado en menos dunha década.

Obviamente, a clave é saber os datos reais para verificar se iso é certo. E, por suposto, é toda unha incógnita a súa folla de ruta cara ao escenario de emisións cero. O plan dos chineses é acadalo antes de 2060. Abofé un reto difícil, pero o caso é que parece que van collendo impulso, xa que o ano pasado batiron o seu récord de crecemento en produción de enerxías renovables: só en 2023 conseguiron instalar a asombrosa cantidade de 217 xigavatios en plantas de enerxía solar. Por se lles serve de comparación, os EE.UU. instalaron en toda a súa historia 137 xigavatios.