A impotencia das palabras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Francisco Guasco | EFE

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

De tan repetidas, as palabras acaban perdendo significación. O pasado luns, 25 de novembro, foi o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Houbo novos discursos, novas declaracións de condena, novos pronunciamentos, mais ao día seguinte, igual que nos días anteriores, os xornais e os informativos volven con novos asasinatos, mulleres que caen vítima do abuso dos homes (os machos) ou que sofren esa forma de tortura se cadra aínda máis atroz que é a violencia vicaria: o castigo contra os fillos, que é onde máis doe. Enchemos o mundo de palabras e , ao mesmo tempo, de impotencia.

O abuso contra a muller vén de vello. Está nas primeiras historias de creación do mundo, na construción do patriarcado, por lo menos nas culturas de Occidente. En todas elas a muller ten un papel de dependencia ao servizo da reprodución, o coidado da casa e, chegado o caso, o pracer do amo, que fai a guerra e caza para que coma a tribo. Son miles de anos de relato asumido, ata que aparece o concepto de persoa e a idea de liberdade. A Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá é de 1791, redactada pola escritora francesa Olympe de Gouges seguindo o texto dos Dereitos do Home e do Cidadán que en 1789 asume a Asemblea francesa, documento que se consideramos fundamental na revolución democrática en Occidente.

«A muller nace libre e debe permanecer igual ao home en dereitos», escribe a autora. E engade nun dos parágrafos: «Ouh, mulleres! Mulleres! Cando deixaredes de estar cegas? Que ventaxes tirastes da revolución? Un desprezo máis marcado, un desdén mais visible!». Ao final, decepcionada, Olympe de Gouges foi guillotinada, non debemos esquecelo, en parte por non aceptar a execución dos monarcas Luis LXVI e María Antonieta, que considerou un asasinato innecesario. Os revolucionarios non se fiaban dela.

Pero o texto está aí, reivindicando a igualdade entre homes e mulleres. Van algo máis de 220 anos dende entón. Unha pinga de auga no océano da historia. E falamos da cultura occidental! O Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller adoptouse na Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1993 en memoria das irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, activistas dominicanas escandalosamente asasinadas en 1960 por orde do ditador Rafael Trujillo. Cantas van dende entón? Na esfera pública e na privada. A loita pola liberdade e a dignidade da muller ha ser unha loita común, unha causa do conxunto da sociedade, que nos compromete por igual a ambos os dous xéneros, sen disimulos, sen ambigüidades. No ano 2023 morreu de morte matada unha muller cada dez minutos. Máis de 50.000 mulleres e nenas, a meirande parte en espazos domésticos! E as que non veñen nos papeis. Ao final volvo ao principio desta marea: o máis duro de levar, no medio de tanta palabra e de tanto discurso, é esta sensación de impotencia.