
Unha das últimas tendencias nas redes é marchar de X e buscar outro púlpito. Antes de que Elon Musk aparecese como o íntimo amigo de Trump, xa foi unha idea que sopesaron moitos usuarios. Desde que o magnate se fixo co paxariño azul, modificou de tal xeito os algoritmos que mudou o funcionamento completamente. O xeito de protesta non me parece mal para nada.
Non é a primeira vez que me sinto estraña nesta rede social, pero tamén noutras. Oxalá limpar X e aproveitar para mudar estes escaparates virtuais. Deixemos de formar parte desta cadea de retroalimentación. Por unha banda, o que se nos ofrece adoita ser xusto o que agardamos atopar. En lugar de enriquecer a visión do mundo desde distintos puntos de vista, o que fan é darnos polo pau. Así os ideais poden ser máis extremistas de cada vez. Vivir así estase a converter nun perigo.
Por outra banda, o nivel de egocentrismo que se amosa chega a ser preocupante. Diría que ridículo, sen pretender ofender a ninguén. Eu son, eu fago, eu digo, eu, eu, eu, eu. Eu teño a razón sempre e sei absolutamente de todo. Non esquezamos que opinar non é o mesmo que ter unha opinión formada.
Váisenos das mans. Cando comezaron as redes sociais vendéronnos que o obxectivo era conectar a sociedade, ata recuperar o pasado. Onde vai! Pode sentirse un ben alleo ao que representan e, a pesar de contar con centos de amizades virtuais, ser consciente do só que segue.
De marchar de X, fagámolo ben e fuxamos tamén do seu xeito histriónico de contribuír ao mundo.