O lobo pide solucións, non buscar inimigos
OPINIÓN
Sospeito que Pedro Sánchez non pensaba no lobo cando gabou o «impresionante legado» que deixaba Teresa Ribera ao cambiar o Ministerio de Transición Ecolóxica pola vicepresidencia da Comisión Europea. Eu, desde logo, como responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático na Xunta, non podo esquecer que neste asunto, como en moitos outros que me competen, a exministra actuou con tanta intrasixencia como falta de rigor. Por iso fáiseme especialmente difícil de entender que desde Galicia se blanquee a decisión da señora Ribera de blindar a protección dun gran depredador que este ano leva atacadas máis de 3.200 reses.
Amparar a Ribera é o que fai Unións Agrarias (UU.AA.) cando culpa única e exclusivamente á Xunta dunha situación insostible que ten desesperadas a decenas de familias galegas. Imputar deixadez de funcións e actitude irresponsable ao único executivo que axuda aos gandeiros, dentro das súas competencias, é un insulto á intelixencia. Co agravante de engadirlle mentiras para retorcer a realidade e acomodala ao seu relato interesado. Mal se fose por ignorancia. Peor aínda cando obedece a un cálculo político.
Afirmar que é tan doado, para extraer e capturar exemplares, como que «se justifique la existencia de perjuicios importantes para el ganado (…), atendiendo a posibles daños recurrentes o significativos» é omitir os outros dous criterios que se requiren para que o Goberno dea o su aval. Que «se haya demostrado que se han aplicado adecuadamente (…) medidas preventivas o de protección (…), y estas hayan resultado ineficaces»; e que «se justifique con el mejor conocimiento disponible que (…) no afecta negativamente al estado de conservación favorable de la especie». Isto di o BOE.
Na práctica, como o Goberno impuxo que o estado de conservación é desfavorable —baseándose en datos non veraces—, ata novo aviso vaise negar a que as comunidades lobeiras poidamos aplicar medida algunha. Cantabria está estudando levar ao Goberno aos tribunais. Hai uns meses, o Tribunal Superior de Xustiza desta comunidade declarou nulas as extraccións que a Consejería de Desarrollo Rural autorizou en 2022.
Tristemente, en tanto o ministerio —que pasa palabra ata o próximo informe sexenal— non mude a súa postura, non hai excepción que valla. A isto, por máis que algún quixera sacar as miñas palabras de contexto, me refería a semana pasada: temos as mans atadas se a nova ministra, a quen xa llo pedín por carta, non recapacita.
Ribera voou a Bruxelas e xa non vai aterrar preto dos gandeiros. A Xunta, en cambio, sempre vai estar ao seu carón. Non vin, en cambio, a UU. AA. estar do noso lado cando denunciamos as falsedades que empregaba o Goberno para xustificar a inclusión do lobo no Lesrpe. Ínstolles a que nos apoien esta vez, e pidan á señora Aagesen que revirta a decisión de quen era a súa xefa, como imos facer nós.
Non se pode ir de lobo feroz contra a Xunta e de ovella mansa ante o Goberno. Mal fai UU.AA. escolléndonos como o inimigo.