Elas. Sempre son elas. Sempre teñen a culpa elas. Sempre o poden facer mellor. Sempre hai algo tremendamente criticable. As dúas últimas vítimas non teñen absolutamente nada que ver unha coa outra. Ou si. Sinxelamente, son mulleres, o que dá carta branca a todos os que as queiran derrubar.
Por unha banda, desde que se coñeceu que Lalachús vai dar a benvida ao 2025, non cesaron os insultos e críticas ao seu corpo. Logo estarán os que nos digan que todo está superado, que a muller xa se liberou, que a sociedade non impón ningún canon de beleza feminino.
A elección de quen despida o ano pode gustarnos máis ou menos. É lícito valorar que o mereza ou non, que teña méritos suficientes, que nos gustaría outro representante... Pero reducir todo o debate ás dimensións do seu corpo é inxusto. E insán.
Por outra banda, a atleta Ana Peleteiro vén de denunciar nas súas redes sociais maltrato e violacións por parte dunha ex-parella. As reaccións non se fixeron agardar. Hainas de todo tipo, pero abundan as que a acusan de ser controladora e mándana calar co pretexto de que só debe denunciar nos xulgados.
O seu corpo é pura potencia, pero calquera escusa serve para poñela en dúbida e darlle clases de comportamento. A ela.
Non somos unha sociedade saudable. Non existe a igualdade, poñan como se poñan. Á mínima, salta a evidencia. E así pasa a vida, con outro fin de ano no que os corpos das mulleres son obxecto de escarnio, exame e ditame. E veña oportunidades perdidas e cero avance social.