O despoboamento como un problema de todos os galegos

Serafín pazos AO FÍO

OPINIÓN

MANUEL MARRAS

18 dic 2024 . Actualizado a las 21:51 h.

Xa pasaron cinco anos desde o pico de interese sobre o despoboamento, simbolizado naquela manifestación en Madrid de marzo do 2019 en que se deu patente política á expresión España vaciada. Bandeira que é deturpación non autorizada da de Sergio del Molino. Ensaísta que, sen querelo, lanzou un cento de plataformas. Desde aquela, acordáronse unhas directrices sobre o reto demográfico —termo politicamente máis aséptico que tamén inclúe a sobrepoboación, co ollo posto no financiamento autonómico—, varias leis autonómicas, estratexias e congresos, ata unha vicepresidencia do Goberno central. Co gallo dos fondos europeos 2021-2023, acuñaramos en Bruxelas, tras moita resistencia, a primeira definición europea de despoboamento como descenso demográfico —unha caída do 1 % interanual, a nivel de provincia ou concello—. Superouse asimilar despoboamento a pouca densidade, intrínseca a moitos sitios remotos, usada para dar fondos a Escandinavia. É tempo de analizar que quedou tras o suflé politicoemocional destes anos.

O Consello de Contas, na súa crecente liña de non só fiscalizar o gasto, senón tamén a eficacia das políticas, publicou este 18 de decembro un informe, froito da colaboración cos homólogos de Aragón e Navarra, sobre as medidas de concellos, deputacións e Xunta para abordar o reto demográfico. Centrouse nos 94 concellos de menor poboación que se axustan á nova definición europea. Os resultados non son sorprendentes: desde o 2010, a poboación galega descendeu un 3,83 %, pero un 20,85 % nestes concellos. Os concellos máis despoboados son o 30 % do total de concellos de Galicia, pero recibiron un 13,78 % dos fondos europeos no 2021. E só un 5,10 % dos fondos do Plan de Recuperación, malia ser o único con liñas de financiamento específicas para este problema.

Cabe pensar se en clave galega este é un debate que nos pilla de rebote, por reflexo de cando o activismo territorial, sobre todo de Soria, Teruel e Cuenca, chegou a ter eco na Cámara madrileña. A fusión de concellos como escusa para evitar a comarcalización en áreas funcionais, que si recomenda Europa. A lei galega 5/2021 fala de garantir servizos básicos, pero queda en programática. Os fondos europeos de Galicia non articulan medidas específicas para eses territorios, malia as orientacións recibidas da Comisión Europea. Non falemos dun plan para o interior, xestionado con deputacións e concellos.

O despoboamento é un problema se queremos que o sexa. Non está claro que a elite politicoeconómica e a propia cidadanía teñan unha visión que non sexa a de concentrar a poboación do país dos 40.000 asentamentos e 4.000 parroquias —que seguen sen ter existencia xurídica, coma en Portugal, malia o previsto no Estatuto— nunha ducia de zonas urbanas inzadas de mazacotes verticais, e non por iso planificadas conxuntamente. Iso ou emigrar —en AVE— para traballar nunha das catro torres de Madrid. Se ese é o santo que queremos, podemos pedirlle á OCDE que nolo vista: smart shrinking é o abandono programado da maioría do territorio. Ignorar o «dereito a quedar» que a Comisión Europea recolleu do Informe Letta. É unha opción. A outra é gobernarmos para todos os galegos.