Mirar ao ceo con esperanza

Xerardo Estévez
Xerardo estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Xerardo Estévez

22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con frecuencia, despachados os temas da saúde e o tempo, as conversas derivan cara ás chamadas cuestións políticas. Ponse en solfa, para o meu asombro, o valor da democracia, aducindo que a súa práctica limita a liberdade do individuo e o seu beneficio en aras dun compromiso social. Vai gañando terreo a idea de que o sistema fiscal é unha exacción e hai que substituílo por unha contribución voluntaria ou caritativa. Para evitar que a cousa dexenere en discusión, acábase por concluír que a cobiza é propia da condición humana e que, coma sempre, os tempos son convulsos. Ante un interlocutor recalcitrante, cando fallan a habilidade e a paciencia, hai que recorrer a unha manobra de distracción, sinalando co dedo un astro, unha nube ou un paxaro que pasa.

Esta era tecnolóxica que estamos a vivir leva un ritmo vertixinoso que nos impide asimilar as noticias e os cambios. A xeoestratexia e a xeopolítica xustifícano todo en favor dos resultados económicos. Aparece así esa maioría de votantes irreflexivos dos Milei e Trump, que se conseguen mellorar a situación macroeconómica, será a costa de arrinconar unha parte aínda maior da poboación.

É inevitable pasar por unha convulsión para construír unha sociedade máis humana? O masacre en directo de Gaza e áreas limítrofes empeza a deixarnos impasibles? A catástrofe de Valencia servirá, por fin, para tomar conciencia de que non se pode edificar en zonas inundables? É necesario que volva o calentón inmobiliario para cebar outra crise da vivenda?

Así e todo, sigo crendo que a política que vai por diante buscando acordos é o mellor instrumento para abordar os problemas. Días pasados asistín á homenaxe que o Foro Económico de Galicia tributou a Fernando González Laxe, na que, entre outros, interveu Emilio Pérez Touriño. Dous presidentes que, nos seus breves mandatos, intentaron combinar o pensamento socialdemócrata co crecemento económico e o coidado do territorio. Sigo pensando tamén, quizás inxenuamente, que cómpre impregnar a economía de cultura, que é a arquitectura da convivencia, e de educación para transmitir valores. Necesítanse máis pedagogos como Xosé Manuel R. Abella, que deixou en Galicia unha pegada memorable na comprensión da cidade educadora.

É difícil dar razón ao que acontece no mundo. Para afrontalo con serenidade e non perder a esperanza, quizás conveña mirar máis ao universo infinito pensando que somos unha nimiedade e só poderemos subsistir axudándonos. Federico Mayor Zaragoza, que miraba á terra e ao ceo, foi un modelo de político e estivo ao lado de Compostela. Sempre llo agradecerei.