O gasto das Administracións públicas é unha variable fundamental para avanzar no benestar da cidadanía pero tamén é un instrumento valioso de política económica para facer fronte ás fases recesivas do ciclo económico. Na crise financeira aplicouse a política da austeridade compulsiva, co obxectivo explícito de recortar o gasto público. Conseguírono: en 2017 o gasto público era un 13 % inferior ao de 2009 en termos reais. Un recorte do gasto que se pode cuantificar: en 2017 gastáronse 58.000 millóns de euros menos dos que correspondían de manterse o mesmo porcentaxe de gasto en relación ao PIB. É a única vez que se aplicou esta política nos 47 anos de democracia.
Dicían que recortar o gasto era imprescindible para equilibrar as contas públicas, para sanear a economía. A realidade demostrou que esta afirmación era unha falacia, cuns resultados demoledores para a cidadanía: a crise estendeuse durante unha década, destruíronse 3,5 millóns de empregos, deteriorouse a sanidade e a educación, limitouse ao 0,25 % o incremento das pensións e, ademais, a débeda pública creceu máis que nunca na historia.
Aprendendo deste fracaso, a xestión da crise derivada do covid foi radicalmente diferente: o gasto público aumentou significativamente para protexer a vida primeiro e a economía e o emprego despois. Grazas a esta política expansiva a economía e o emprego recuperáronse con enorme rapidez. Protexer ás persoas é a mellor política económica. No 2024, en España, 21,8 millóns de persoas teñen un emprego, a cifra máis alta na nosa historia e o PIB crece catro veces máis que a media europea. Por iso, aínda que o gasto público aumentou en 178.000 millóns de euros desde o 2018, o seu peso sobre o PIB é do 45,4 %, unha cifra que aínda está catro puntos por baixo da media europea.
En 2023 o gasto total das Administracións públicas en España foi de 681.000 millóns de euros, con dúas características moi destacadas. A primeira é que o gasto se destina, fundamentalmente, ao benestar das persoas: case tres de cada catro euros dedícanse ás prestacións sociais (pensións e desemprego especialmente), á saúde e á educación.
A segunda é que, en termos de gasto público, España é un país moi descentralizado: as comunidades autónomas xestionan máis recursos que a Administración central, excluída a Seguridade Social.
As autonomías xestionaron o 33% do gasto total fronte ao 22 % da Administración central, mentres que as Administracións locais responsabilízanse do 12 % do gasto. Por ultimo, a Seguridade Social, que recada cotizacións e paga pensións e outras prestacións, dispuxo do 33 % do total do gasto público consolidado en 2023. Un gasto público social e descentralizado, que, con todo, presenta algunhas eivas graves: o gasto en vivenda do conxunto das administracións apenas chega ao 1 % do total do gasto e, ademais, concéntrase fundamentalmente nos concellos.
Un crecemento compatible co equilibrio das contas públicas, porque se financia con máis ingresos públicos e cos fondos europeos de recuperación. Un dato. Entre 2008 e 2018, os anos dos recortes e a austeridade, a débeda pública incrementouse en 40 puntos de PIB. Desde 2018, cunha política de gasto expansiva, a débeda aumentou en tan só 4 puntos de PIB: dez veces menos. Gastamos máis pero nos endebedamos menos grazas o crecemento da economía.
España incorporouse tarde á construción do Estado do benestar que as democracias europeas empezaron a construír a partir da derrota do nazismo e o fascismo. Nos 47 anos de democracia avanzamos de forma significativa nese camiño, pero aínda non chegamos aos estándares dos países europeos máis avanzados. Corrixir o diferencial negativo do noso país en ingresos e gasto publico debe ser un obxectivo central da sociedade española.