Mariscal | EFE

26 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Derradeiro xoves do ano 2024. Toca non perder a esperanza, amadísima, e formular esperanzas novas. Por exemplo: que a economía, tan de marabilla por riba, comece a ir ben para os de abaixo (macroeconomía e microeconomía non son a mesma cousa). Que intolerancia e intransixencia desaparezan dos vocabularios do presente. Que os namorados sigan namorados. Que a vida sorría con sorriso transparente. Que non deas as batallas por perdidas. Que tampouco as deas por ganadas. Que se caes, e aí quedas, encontres alguén que axude a levantarte. Que os meus amigos do Madrid, cando ganen outro título, respeten a miña amargura (despois do 1-2 contra o Atlético síntome un ser depauperado). Que o Paco Mariló continúe subministrando historias para encher esta columna. Que non chova por dentro. Que a saúde non poña cara triste. Que as caras tristes sexan breves. Que o primo Gerardo siga inventando palabras: «decasílavo», aquel que asubía dez veces. Que revivamos unha revolución da tenrura. Que Emilio Rúa siga cantándome e encantándome: «Levo estes poemas comigo por saber se é posible a maxia de que aparezas». Que a actualidade non rabuñe. Que as caricias non se exilien. Que dúas por dúas, algunha vez, non sexan catro. Que algo cambie para que non todo siga igual. Que sempre haxa un motivo para mirar cara adiante. Que mirar cara atrás non faga ferida. Que saibamos canto importa o que en verdade importa. Que dar teña máis valor que recibir. Que non te enfades cando eu me enfado, luns por luns, politicamente. Que David derrote a Goliath. Que as miñas tres mulleres non me expulsen do paraíso, o único paraíso: estar con elas. E que sexamos capaces de ser mellores do que somos. Oxalá, 2025.