O que lle pido ao novo ano é que non me dean ganas de apagar a televisión cando os políticos digan que están debatendo no Congreso, no Senado ou no Parlamento. Non é verdade. Ata aí verten mentiras. Non pretenden alcanzar ningún acordo, só ridiculizar ao da bancada oposta. Poden chegar a insultarse. É tristísima esta imaxe da sociedade. Porque non se esquezan, están representándonos. Eles non son outros ca nós.
Estaría ben deixar de polarizar o mundo, levar todo aos estremos. Antes era suficiente a palabra dunha persoa para pechar a un acordo. Agora, as palabras sobran, porque non hai vontade de pacto.
Gustaríame, na medida do posible, volver ao rego. Recuperar a clase media que podía ir cinco días de vacacións coa familia no verán sen deixar o soldo do ano, ou mercar unha costeleta cando apetece sen mirar se hoxe está de oferta porque o prezo é prohibitivo. Incluso quedar os sábados cos amigos para tomar uns viños. A xente ata cantaba nas tabernas. Agora xa non estamos para esa algarabía.
Por pedir... oxalá tomásemos en serio o asunto do cambio climático e a contaminación que provocamos. Pero ata niso vivimos enfrontados sempre en dous estremos.
Para min non quero nada especial. Quizais é que xa non confío nun futuro mellor. Pero, ao tempo, non podo deixar de pensar que, con vontade, non sería tan difícil mellorar o mundo. Así que si, pídolle ao 2025 que se vista de elegancia, da que vai por dentro, como esas persoas que saben sorrir, tender a man, desculparse ou agradecer.