Nestas datas unha non deixa de pensar no difícil que ten que ser para algunha xente pasar unhas «boas festas», unhas «felices festas». Na cantidade de persoas que, polas circunstancias que sexan, non poden ou non teñen a oportunidade de que estas festas sexan boas. E cando todo ao redor nos obriga a «estar felices», ás veces a nostalxia, as enfermidades, as mortes, e as pequenas e grandes desgrazas pesan máis ca nunca.
Penso tamén en todos aqueles que non teñen a ninguén con quen xuntarse durante estes días, ou nos que non poden ou non queren xuntarse con ninguén polas razóns que sexan. Ou naqueles que a pesar de ter con quen estar, o único que lles trae esa reunión familiar é máis conflito, máis pelexas, máis tristura e máis malentendidos. Pois, ás veces, xuntar á familia para pasar a Noiteboa ou o fin de ano pode ser un detonante para espertar vellas leas.
E con todo iso arredor de nós, as omnipresentes luces (hai máis en todas partes, ou é imaxinación miña?), as panxoliñas nacionais, as cancións importadas (que viva Mariah Carey!), e esa inexplicable necesidade de mercar cousas que non sempre son necesarias, fan que, en ocasións, as festas nos desborden, e que a sensación de ter que estar felices se converta tamén nunha obriga.
Se cadra o máis importante para min durante estas datas sexa estar presente e apreciar eses pequenos momentos de luz que se presentan ao longo do día. Pois esa luceciña pode ser a que nos saque por un segundo da escuridade na que esteamos metidos, transformando esa «obriga» na esperanza de que se estas festas non poden ser boas, as cousas boas non tarden en chegar... Non sempre hai que esperar polo Nadal para celebrar a vida.