Afirma o profesor Sánchez-Tembleque nun artigo publicado neste xornal o 26 de decembro do 2024 (¿Es sostenible el sistema de pensiones español?) que as nosas pensións públicas son excesivamente xenerosas; que o noso sistema de repartición é, en consecuencia, «carísimo», tanto para os traballadores como para o empresariado; que o sistema xera un «déficit brutal» e «impresionante» e desincentiva a creación de postos de traballo; que a viabilidade das pensións está ameazada, a maiores, pola nosa demografía; e que a solución pasa por atrasar aínda máis a idade de xubilación, potenciar o sistema de capitalización individual e desligar as pensións do IPC.
Este tipo de afirmacións que vaticinan o colapso —nunca verificado— do sistema público de pensións son vellísimas e sempre recorren a argumentos aparentemente obvios. Neles non se menciona xamais a laminación das cotizacións sociais por mor do desemprego, do traballo precario e a tempo parcial, das horas extraordinarias impagadas, da economía informal, da emigración ou do baixo salario medio; nin tampouco, e sobre todo, que somos moito máis produtivos que os nosos avós, e estamos moi lonxe da produtividade que van ter os nosos netos, cando a clave da viabilidade do sistema público de pensións é precisamente a socialización da produtividade.
É significativo, por certo, que o prezo disque «altísimo» que teñen que pagar os traballadores e mais o empresariado polo sostemento do sistema público de pensións só sexa denunciado polos empresarios. Se nos atemos ao que din os sindicatos, as persoas traballadoras si teñen a visión estratéxica suficiente para non se negaren a facer o esforzo que fan para que o sistema de repartición funcione. Tal vez sexa porque, no fondo, os empregados saben que o equilibrio financeiro do sistema de pensións é sobre todo unha cuestión de vontade política.
Preguntémonos: Queremos que aumenten as rendas do traballo en detrimento das do capital? Queremos unha reforma integral que iguale a nosa presión fiscal á media europea e teña un efecto redistribuidor? Queremos atacar a nosa xigantesca fraude fiscal? Queremos aumentar substancialmente o gasto en políticas públicas de benestar? Queremos que as pensións sexan financiadas tamén a través do orzamento xeral, e non unicamente mediante as cotizacións á Seguridade Social? Queremos referirnos aos ineficientes plans privados de capitalización como o fiasco que son (un negocio suculento para algúns fondos de pensións e un sarcasmo para unha cidadanía como a española, que está entre as que máis dificultades teñen para aforrar)?
As pensións públicas son unha conquista política irrenunciábel. Cuestionalas é unha irresponsabilidade que pon en perigo a estabilidade social, a cohesión e a solidariedade interxeracional e mais a asignación equitativa dos recursos. Coa Constitución na man, podemos afirmar que os argumentos elitistas e clasistas ameazan as bases da nosa convivencia democrática. Ou queremos que entre a xente vella do futuro haxa unha lexión de pobres malia que a lei fundamental, no seu artigo 50, lles recoñece o dereito a unha pensión axeitada, actualizada e suficiente?