Falarmos galego aos fillos

María López Sández
maría lópez sández ACADÉMICA DA REAL ACADEMIA GALEGA E ESCRITORA

OPINIÓN

MABEL R. G.

29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mecanismos polos que un pobo deixa de falar a súa lingua propia e renuncia a transmitírllela aos seus fillos están ben documentados e non son difíciles de comprender. Cando, por razóns políticas, un idioma —calquera idioma— se ve restrinxido ao ámbito oral e excluído do mundo da cultura, a asociación entre lingua e clase social leva a que pais e nais pretendan transmitir aquela que consideran que pon en mellores condicións de partida a súa prole. Sería coma se, nun réxime de escravitude, as familias negras tivesen a capacidade de decidiren a cor ou os xenes dos seus fillos; seguramente escollerían que nacesen brancos, mesmo a costa de negárense a si mesmos e renunciaren á xusta reivindicación da igual dignidade do que son.

Isto aconteceu co galego nos Séculos Escuros e baixo o franquismo; mais, na actualidade, perpetuar esta conduta é cuestión de mera inercia. En Galicia, como demostran todos os estudos, os auténticos bilingües son os galegofalantes iniciais. Aqueles aos que se lles transmitiu o galego na familia son plenamente competentes en galego e castelán; á inversa, non acontece. Deste xeito, os galegofalantes iniciais acaban tendo unha vantaxe final; pero é que, ademais, o bilingüismo inicial destes falantes ten amosado vantaxes cognitivas e neurolóxicas.

E, malia todo iso, eu querería pór o foco noutra cuestión. No feito do que transmitimos en termos de valores e de afectos. Nestes intres, Europa defende a diversidade lingüística; falar galego está lonxe de ser un marcador de incultura. Antes ben, de selo de algo, seríao de signo contrario; centos de persoas de lonxe acoden a nós para aprenderen a nosa lingua e mergullárense na nosa literatura (véxase a recente tradución ao hindi da poesía de Luísa Villalta que acaba de facer Vikash, un dos nosos brillantes alumnos dos cursos da RAG Galego Sen Fronteiras). Neste contexto, afirmarse no que somos como pobo debe ser un gozoso acto de amor aos nosos devanceiros e a nós mesmos. Por iso, falarmos galego aos fillos é, ao tempo, un acto cheo de sentido emocional e de intelixencia. Eu tíveno claro hai 22 anos cando tiven o meu primeiro fillo, e sigo reafirmándome cada día. Para min, é un gozo e un orgullo escoitar os meus dous fillos falando galego entre eles. Transmitinlles unha lingua e, con ela, un xeito de estaren no mundo: un modo definido pola autenticidade e non polas valoracións conxunturais, polo orgullo do propio, o sentimento de pertenza, o dereito a seren o que son sen xulgalo mediante un prisma alleo, mesmo unha sensibilidade cara a todas as loitas pola igualdade.