
Foi ao principio da década dos anos noventa do pasado século cando en Galicia comezou a ordenarse o marisqueo. Un proceso que contribuíu a consolidar a utilidade da Administración autonómica da man de Henrique López Veiga. O proceso non estivo exento de conflitos, mesmo de orde pública. Unha testemuña directa daquela etapa, o xornalista Fernando Domonte, dá conta diso nos seus Contos da beiramar cun episodio hilarante.
Un grupo de mariscadoras, ás que se lles asignara unha zona para traballar, soportaba diariamente o acoso dos excluídos dos permisos, normalmente por non ser profesionais ou ter atribuída outra zona. Aquelas mulleres ían ás ameixas e berberechos protexidas pola Garda Civil e sufrían toda clase de improperios. O conselleiro pediulle á súa presidenta que non respondesen ás provocacións e que se limitasen a facer o seu traballo; cousa que prometeu. Pero, ao pouco tempo, a consellería soubo que a xornada rematara cunha pelexa e dúas feridas leves.
A presidenta explicou o que pasara cando chegaron á praia: «Tocoume unha que era máis retorsida ca un sacacorchos… porque aljunhas tivemos marcaje individual. Chamoume de todo. Púxome podre. Chamoume lavada, caldo de viernes, porcona, miserenta, peste nejra, monte de esterco, fedorenta, filla dunha loba... Chamoume húnjara e mais abisinia, lajartona… Pero eu nin caso… Debeu de ser por iso que, toda encorajinada, me berrou: “Jooorda!”. Entón a min non sei que me deu que saín atrás dela, que se a collo esfóloa. Non a collín, porque un pouco jorda si que estou, pero, se a chejo a coller, féndoa!».
Debe ser privilexio das presidentas, e desde logo éo nas Cámaras parlamentarias, graduar a intensidade e importancia das descualificacións e decidir cales rebordan o permitido. No Congreso, e no último ano, tense escoitado aos ministros do Goberno de España e ás súas señorías intercambiarse epítetos como os seguintes: «desleais a España», «traidores á patria», «ventrílocuo», «chulo», «rostro do bulo», «ecopsicópatas», «tóxico e mentireiro», «alumno avantaxado do totalitarismo antidemocrático», «cómplices dos privilexios fiscais dos oligopolios», «cómplices dos xenocidas sionistas». E referirse aos xuíces como «neofranquistas», «brigada politicosocial» ou «pijos ácratas».
Ningunha destas expresións foi considerada contraria ao decoro parlamentario. Que eu lembre, nos últimos seis meses, só foi, e merecidamente, retirada do Diario de Sesións unha alusión aos primeiros anos do franquismo como «unha etapa de reconstrución, progreso e reconciliación para lograr a unidade nacional».
Asunción, que é como se chamaba a mariscadora pioneira da loita contra a gordofobia, e as súas compañeiras conseguiron superar o ruído de fondo, e, pasadas tres décadas daqueles incidentes, e pese a todos os problemas que hoxe teñen, o marisqueiro é un sector ordenado que xera riqueza. Pode que o rei obviase, na súa mensaxe de Nadal, algunhas cuestións socialmente relevantes para moitas persoas. Pero fixo ben, no seu papel de árbitro e moderador do funcionamento regular das institucións, ao afirmar que ningún problema serio pode abordarse sen poñerlle algo de sordina ao ruído de fondo. Polo ben das ameixas, dos berberechos e das demais cousas de comer.