Os propósitos deste ano? Non facer máis propósitos que os propósitos necesarios. Por exemplo: facer todo o posible para poder pasar tempo cos que quero. Deixar de asentir cando realmente non entendo o que me están contando. Non facer plans que sei que non podo cumprir. Deixar de crear falsas expectativas coa frase «a ver se un día tomamos un café»... Son pequenos propósitos, pero coido que son relativamente tanxibles. Houbo anos nos que me prometía cousas que ás veces cumpría por simplemente cumprilas, e que non por iso acababa sentíndome mellor. Facer por facer non trae a felicidade, pero si trae unha falsa sensación de realización persoal, que agora, cos anos, son consciente de que non serviu para nada máis que para aprender que a vida lenta, a dos propósitos pequenos, é a vida, a vida preciosa.
E é que os propósitos son necesarios para poder sobrevivir, para ter razóns polas que mirar cara adiante. Os propósitos guían a nosa existencia. Pero hai algo neste xeito que temos de vivir hoxe en día que nos obriga (unhas veces sen querer e outras veces querendo) a abrazar propósitos que non sempre son nosos, senón que son un reflexo desoutra vida ideal das redes sociais. E canto máis tentemos habitar esa vida ideal, máis difícil nos será aceptar que a vida real é como é: ás veces fea, ás veces complexa e ás veces inxusta. E que o lugar no que existimos é ese mundo real cada día máis difícil de aturar.
Os propósitos deste ano? Ter esperanza. Non esperar nada en concreto. Ter ganas de.
Seguir emocionándome coas pequenas cousas. Intentar aportar algo aos lugares que habito. Ter máis paciencia. Escoitar mellor. E aprender unha cousa nova cada día...