Demasiadas esperanzas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Víctor Lerena | EFE

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Adoitamos depositar demasiadas esperanzas nos cambios. Afrontamos con ilusión as mudanzas dos adestradores de fútbol, dos gobernos, das presidencias das entidades... dos anos que comezan. Quizais sexa esta a máis absurda de todas, pois o 1 de xaneiro non deixa de ser o día seguinte doutro máis, sen que previamente se produza un cambio de viraxe. Non vai mudar nada, agás que nos empeñemos en conseguilo.

É época de balance. Ata hai supermercados que pechan as portas para facer inventario. Medimos os 365 días coma se os puxeramos nunha romana e agardásemos ver se o prato que afunde é o do bo ou o do malo.

Cada vez me convenzo máis de que o mundo é ben complexo, por iso penso que nos últimos tempos a miña misión é simplemente manterme a flote. Non crean, eh. Hai moitas mañás que me ergo coa sensación de que me vou esboroar nada máis poñer un pé no chan. Pero ao final remato o día enteira.

Así que ese vai ser o meu propósito de 2025: seguir loitando, ao calado. Non é unha empresa sinxela, pero estou disposta a continuar no esforzo. Tratarei de manter a capacidade de sorprenderme e emocionarme, de crer nos demais e en min e serme fiel. E o que depare o ano, irémolo virando como se poida.

O balance prefiro dixerilo aos poucos, a diario, así que seguiremos tomándolle o pulso á vida desde estas páxinas, vostedes e eu. E, de hoxe nun ano, oxalá poidamos dicir: non estivo mal. Moitas ou poucas, ao cabo son as esperanzas as que dan alento e manteñen. Trinquémoslle o dente ao ano, pois.