Somos un filtro

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

CATI CLADERA | EFE

08 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos inventos máis perversos dos últimos tempos son os filtros que, dende o noso móbil, fan que saiamos moito máis guapos do que somos. Hai quen bota moito tempo editando as súas fotos para que nas redes se produza… o que?, en realidade nada importante. Pero funciona.

Hai un vídeo por aí que amosa unha parella rifando moi forte mentres camiñan. Daquela, chegan a unha paisaxe fermosa. Fan un selfi. Sorrín felices. Ao segundo seguinte, volven rifar aínda con máis ganas… A realidade que querían transmitir, transmitida quedou. Son moi guapos. Cos filtros, máis aínda. Faranse virais.

Estamos nun intre no que millóns de persoas confunden as redes coa realidade. Temos millóns de persoas pendentes de conseguir corazonciños como se iso tivese algo que ver coa (súa) realidade. O que non ten traballo vai seguir sen el. Ese artista (poñan aquí escritor, músico, pintor, o que lles pete) a quen en realidade ninguén lle fai caso vai transmitir a idea de que vende moitísimo, de que os seus discos pasan da tenda ás casas a unha velocidade de vertixe.

Dicía Chomsky que un dos mecanismos máis fortes de control que ten o poder é a infantilización da poboación. No seu momento botoulle a culpa disto á televisión. Quedou corto comparado co que as redes están facendo coa xente. Porque a infantilización global da sociedade xa está aquí. Somos un filtro. Non hai realidade. Hai o que amosamos nunhas redes infantís nas que o debate, a conversa, a racionalidade, o logos, foi tomar vento. Cada día unha foto para amosar que somos guapos, exitosos, con familias perfectas e parellas incribles. O mundo non é iso e manter iso, estar niso, é infantil.

As redes danlle a mesma voz a todo o mundo. E sinto, pero non todas as voces son iguais. Non pode ser igual a voz de Chomsky, por seguir con el, que a de calquera nacho de, poño por caso, Louisiana, que diga que as armas deben mercarse nos supermercados. Este segundo vai ter máis éxito nas redes. Pero é un paduano. Con opinión. Pero un parvo.

A humanidade converteuse nun filtro obsesionada con facerse viral. Coa cabeza mergullada no móbil, que xa non é nin sequera un teléfono, regalamos —en España— unha media de catro horas e 22 minutos ao día ao aparello. Somos uns dos que máis o usamos de Europa. E mentres estamos aí, nese mundo infantiloide de colorinchos, dentes perfectos, vestidos luminosos, casas incribles e éxitos profesionais, mentres estamos nun filtro permanente, a vida segue sen que nos decatemos que vai pasando, os mangantes continúan roubando e ti, alleo a todo, concéntraste en tirar 5, ou 6 fotos do sushi que estás papando. Algunha valerá.

A eles, aos que nos infantilizan, válelles.