Francamente

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2019 publiquei un libro titulado como esta columna: Francamente. Saíu primeiro no noso idioma. Máis tarde, en español. O título non resumía o contido. O subtítulo, si: «Ironía biográfica da ditadura de Franco». Sete capítulos trenzados na sátira e a repulsa que me producía o personaxe. O sétimo e derradeiro titulábase «E soubemos que non era eterno». Se agora tivese que reescribir o capítulo, prescindiría da negación. Porque a Franco empeñáronse en facelo eterno, perdurable, visible. En ningunha democracia avanzada con pasado escuro, Alemania ou Italia ou Portugal, sería imaxinable este panorama. O Goberno de Sánchez pretende manter viva a memoria do ditador. Sen pudor. Sen escrúpulos. Queren renderlle novas exequias. Onte comezaron. Serán cen actos, cen, os que conmemoren o pasamento do tirano. Quedan noventa e nove «celebracións» máis. Pero resulta que moitos, que detestamos a Franco, estamos fatigados de que nos tomen por lerdos: porque pensamos que estas «celebracións» só se realizan por interese electoral e ideolóxico. Celébranse para ocultar a realidade: un Goberno que aínda non aprobou Orzamentos; un exministro, e man dereita de Sánchez, imputado; a muller do presidente, imputada; o irmán, imputado; o fiscal xeral, imputado. Díxenlle isto ao Paco Mariló e el contestoume secamente: «Non entendo o teu acerrimismo, Caneiriño». Dixo «acerrimismo», concretamente. Marchou do bar, moi amolado, e chamoume fanático. Abriu de novo a porta e insistiu: «Fanático!». Dende aquela non volvemos falar. Estou triste. Porque a Sánchez eu podería desculparlle todo, absolutamente todo. Menos que o Mariló deixe de ser o meu amigo. Sería imperdoable, francamente.