
«O fillo do Rosendo andaba aboiado polas rúas». O problema era que «coas letras que deprendera non eran dabondo para vivir do traballo da testa e o señorío conquerido non lle deixaba vivir do traballo das mans». Así que «para poder comer todos os días», «xunguiuse a unha muller, vella, gorda e rica». E «foi ao casoiro como vai un meniño a unha cesta de melindres». Debeu celebrar moito aquel día.
O 2025 tamén principia con dúas celebracións. En Galicia festexamos o Ano Castelao, no 75 aniversario do seu pasamento, como «mostra da gratitude do pobo galego» ao rianxeiro e pola súa capacidade de «convocar sempre e unir a todos», como expón a Xunta na declaración institucional que fixa a conmemoración, e lembraba nestas páxinas o seu extraordinario biógrafo e presidente da fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas. De Castelao é a Cousa que conta o casoiro do fillo do Rosendo. Como galegos tamén festexamos, xunto co resto dos españois, os «50 Años de España en Libertad» como sinala o primeiro decreto aprobado polo Goberno de Sánchez no 2025, para lembrar «a conquista e a consolidación da democracia». O Goberno considera, coa significativa oposición de numerosos historiadores, que a data que marca o inicio do proceso é o 20 de novembro de 1975, día no que o ditador morreu e abriu «a esperanza en amplas capas da cidadanía de poñer fin á ditadura franquista».
O decreto é do 7 de xaneiro, xusto o día no que hai 75 anos, en Bos Aires, falecía Daniel Rodríguez Castelao; o mesmo día no que, convocados pola fundación que honra a súa memoria, representantes de todas as institucións do país, políticas e culturais, xentes de toda ideoloxía e militancia, xuntámonos en Bonaval para dar comezo aos múltiples actos que se desenvolverán ao longo do ano, como ben merecen a vida e obra do noso polifacético creador cultural e defensor da identidade galega. Foi o primeiro de moitos que se sucederán, sen necesidade de crear «comisionados» que os organicen, da man de moitas asociacións e institucións. Crear un comisionado para «impulsar e coordinar as actividades» da conmemoración dos «50 Años de Libertad» é o que fixo o Goberno de España. O primeiro acto tivo lugar ao día seguinte da aprobación do decreto, o mesmo da súa publicación. Congregou ao Goberno en pleno; pero nin a un só partido da oposición, nin sequera a varios dos que forman a «maioría da investidura» (Bildu, BNG, Junts). Probablemente porque a comisionada acababa de tomar posesión do seu cargo esa mesma mañá e tivo pouca marxe para promover a súa difusión, como lle encomenda a decreto de creación.
O fillo do Rosendo levaba ao casoiro no peto do seu traxe novo oito décimos de lotería que, días despois da voda, lle puxeron «nas mans unha chea de miles de pesos. Pero a sorte chegou tarde e agora o fillo de Rosendo anda sempre aparellado coa súa muller, que é o seu drama». E é que os casoiros e aniversarios interesados, máis se se organizan por centos, non semellan suscitar moita adhesión. Como a que si terán os actos que honren a Castelao, destacado represaliado do franquismo, recollendo o afecto e admiración sincera da inmensa maioría das galegas e galegos.