
A miña filla máis nova, cos seus inocentes 9 anos, teno claro: o seu propósito para o 25 é poder pasar da xente sen que se lle note. Así o escribiu na súa libreta de dobre pauta, sen acentos e comezando en minúscula. A súa mestra non dixo nada, nin sequera sobre as faltas de ortografía, e eu dei en pensar nesa bendita clarividencia que tantas decepcións lle vai aforrar. Quizais sexa que a poalla de decadencia que o impregna todo xa chegou ás aulas que aínda cheiran a goma de borrar e pintura acrílica. Se cadra esta xeración que vén será a que deixe de comungar con rodas de muíño e destape as falacias que levaron a miña a ter que renunciar aos soños de grandeza para substituílos pola precariedade. Ao mellor son quen salvarán o mundo simplemente con ese sutil pasar da xente sen que se note, pois xa saben que o único que importa na vida, á fin, é vivila.
Envellecer debe ser iso: pasar da xente. Aos nove anos aínda pensas que é mellor que non se note. Aos noventa, supoño, xa levas décadas importándoche un pito se á xente lle parece mal que a ignores. O problema é este tempo do medio que semella estar aí só para que unha parte esencial da poboación salde débedas económicas e emocionais, e por iso non é casual que a resposta sexa o repregamento en lugar da protesta, porque esta implicaría, por lóxica, acabar con todo; claro que xa acabamos con todo trala crise de 2008 e non serviu de nada. Así que pasamos á fase seguinte, como amosa un estudo recente no que se ve que o propósito de aninovo de 6 de cada 10 españois, coma o da miña pequena, sería ir vivir ao rural, sobre todo na franxa entre os 26 e os 44 anos. Iso, pasar do mundo sen que se note demasiado, e ter un 2025 sen idioteces.