Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Inmigrantes e o galego

Eduardo Maragoto

OPINIÓN

ALBERTO LOPEZ

16 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Posteriormente aos datos do IGE que reflectían un forte descenso de galego-falantes, o goberno atribuíu á inmigración certa responsabilidade nese feito. Tamén eu considero que algunha incidencia debe ter tido, non só directamente, coa práctica totalidade dos novos residentes instalados no español, senón tamén indirectamente, ao incentivar a desistencia lingüística de moitos falantes que, pouco a pouco, van asumindo que o mais cómodo para se relacionaren fóra da casa, agora tamén en moitos comercios e restaurantes, é o castelán.

Este factor afecta todas as linguas nalgunha medida, exceptuando as dos territorios con idiomas internacionais, que non só saen indemnes senón tamén fortalecidas destas mobilidades. O motivo é que, aínda sendo verdade que os continxentes migratorios non chegan unicamente dos países cos que comparten lingua, existe certa tendencia a escoller destinos do mesmo universo cultural, así que os falantes reforzan a idea de posuíren un idioma útil nun contexto de multilingüismo.

Agora ben, se no mundo existise un país até certo punto capaz de atenuar o impacto da inmigración sobre o seu idioma minoritario, ese sería o noso, onde as comunidades portuguesa e brasileira lideran o podio de residentes estranxeiros. O fenómeno podía ter sido previsto xa nos anos 80, cando se definiu a política da lingua, pero naquela altura predominaba a vontade de construír, e até de exportar á lusofonía, un galego desconectado do portugués, en sentido contrario á retórica actual, que frecuentemente o presenta como facilitador das relacións con ese mundo.

Entre tanto, mentres os novos discursos non cristalizan en políticas lingüísticas mais abertas e integradoras, o galego continuará a perder oportunidades para facer o seu camiño como lingua de comunicación.

Do ensino público sairán novas promocións de alumnos moi competentes para falar de sociolingüística, pero pouco para pedir «torradas com manteiga» ou indicar «onde ficam os Paços do Concelho» aos novos residentes lusófonos.