Ser vella

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Martina Miser

17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de gañarme por case catro décadas, ás veces sorpréndome a min mesma falándolle coma se fora unha nena que non sabe nada da vida. E entón enfádome comigo mesma: que dereito teño eu a falarlle a unha persoa de oitenta anos, á miña nai, dese xeito? Todos non sabemos algo nalgún momento, e todos temos que pedir axuda ou explicacións para aprender iso que non sabemos. Pero que pasa cando nos explican as cousas asumindo que non temos a capacidade de entender o que nos están dicindo? Aí é onde aparece esa delgada liña tan difícil de capear, e cruzar esa liña pode implicar moitas cousas, entre elas ofender ou humillar ao outro, sen querer ou querendo.

Supoño que é porque a meirande parte das mulleres da miña vida están a facerse maiores (a miña nai e as miñas mellores amigas habitan ese espazo que hai entre os sesenta e os oitenta), ou porque a persoa coa que comparto a miña vida me leva algúns anos; pero cada día fágome máis e máis preguntas sobre como querería eu que fora a miña vellez, e como me gustaría que me trataran. E nesas preguntas aparece de novo ese eu que tamén se fala a si mesma coma unha nena que non sabe nada da vida: «A ver, Cris, cando sexas vella estarás soa, como están todas as vellas», e entón sáeme un sorriso mordaz mentres penso no difícil que é xa non estar soa, e no que pasa ao deixarnos levar polo que os demais cren que somos: vellos, xoves, millennials...

Cando sexa vella, serei vella. E construirei eu a miña definición de vella, do mesmo xeito que constrúo a miña definición do que son agora. E tentarei seguir aprendendo, se me deixan, e se non me deixan, rodeareime daqueles que me ensinen cousas sen facerme sentir pequena.