Ten case noventa anos, leva máis de media década coa súa parella, estivo prisioneiro unha ducia de anos e foi presidente do seu país un lustro.
Así son os números deste humilde agricultor que tamén traballou pola mellora dos máis desfavorecidos desde que ten memoria. Si, é Pepe Mujica que, a pesar de estar practicamente retirado da vida pública, está de actualidade.
É fillo da emigración, pero pouca xente foi tan relevante na loita polo lugar que o acolleu: Uruguai. Viviu na máis estrita austeridade, doando a inmensa parte dos seus ingresos a quen o estaba a pasar peor ca el. Deixou frases para a posteridade. Asegurou, por exemplo, que o poder non cambia ás persoas, só revela quen son verdadeiramente. Ou que ser libre consiste en gastar a maior cantidade de tempo no que nos gusta facer.
A estas ben coñecidas, agora hai que engadirlle outra ben rotunda. Di algo así: estou a morrer e o guerreiro ten dereito ao seu descanso. E aínda apostila: no me acosen con entrevistas.
Viviu case un século, houbo tempo de facerlle preguntas!, e non se pode dicir que sexa esquivo á conversa. Quen tivo vontade de escoitalo, puido facelo, agora non é o tempo: quere marchar en paz. Daríame moita pena que non se respectase e non porque sexa Pepe Mujica un personaxe público. Deberiamos facelo extensible a calquera ancián. Coidémolos e escoitémolos ao longo da vida. Cando a luz comeza a apagárselles, acompañalos está ben, pero sería marabilloso poder gardar silencio por térmonos dito xa todo o necesario.